Entre a negrura e a soidade

Mal  mor

Emilio Arauxo

Axóuxere, Rianxo, 2017, 70 páxinas.

 Por veces o xorne e o comportamento reservados de certas persoas fan que unha obra cultural importante soamente acade visibilidade en ámbitos moi reducidos. Unha desas persoas é Emilio Araúxo, unha das voces secretas máis creativas da escrita e da cultura galegas: narrador, poeta, editor, etnógrafo, mitógrafo e infatigable fotógrafo non só de felos e entroidos galegos, senón tamén desa cultura material, celme da vida rural, hoxe morta ou esmorecida. Neste seu último libro, Mal mor, achéganos o relato dunha figura feminina, unha anciá, ancorada a súa narración nunha novela que Samuel Beckett escribiu en francés en 1981, Mal vu mal dit, que o mesmo escritor vertería ao inglés ao ano seguinte (Ill Seen Ill Said) e que coma outras entra de cheo no terreo onde se dirimen as relacións entre a realidade, a percepción e a linguaxe. Beckett narraba a ansia vital dunha anciá irlandesa medio cega. Emilio Araúxo reescribe a humilde epopeas desa vella que espera a morte nunha casopa no medio dun pedregal. Mais a súa protagonista é unha anciá do noso rural, e a súa relación co seu vivir cotián aparece concentrada nunha xornada e cunha presa de lembranzas que invaden, case que sempre con amargor, os seus días e noites.

A vella muller xa non pode pero algo aínda vai facendo. Viste chaqueta de la grosa encima de dous xerseis e dous refaixos; vai pondo as chancas, malia que lle obrigan os pes. Planta  coias, vai ás castañas, cava a horta para pór allos, estende o esterco e colle a herba. Come o caldo no cazo e atura como pode as xeadas, a néboa e o frío que a entumece de todo. Non cree nos curas nin no inferno xa que o ten aquí. O día da feira compra pan para todo o mes. Sempre con loito; para ela coma o negro non hai. Corta as unllas coa navalla ou co coitelo. Tamén ela, coma o personaxe de Beckett, espera a morte, é o único certo, mais nunca a pediu. E formando parte da súa existencia, os labores da labranza, o tempo co frío como a súa grande malandanza; a casa con teas de araña no faiado, a cama coa manta e o cobertor, o río onde lava cando non saragaña, a cadela e o burro que desde a corte quentan a casopa. Tamén as súas dores nos dedos, nas pernas, nos cadrís sobre todo. Con ela convive unha presada de lembranzas.

Endalí que o libro de Emilio Araúxo non só repasa a xornada dunha vella dunha das nosas aldeas, senón que recupera a súa existencia: a vida de escrava no seo da familia, discriminada: pouco foi á escola. O irmán para a escola, ela a traballar. Aprendeu a ler da súa cabeza. Nunca deu bicos, nunca pintou os beizos. Sempre con loito, xa meses antes da morte do seu home.

 

Emilio Araúxo

Emilio Araúxo, neste pequeno artefacto escriturario, perpetúa para sempre este verdadeiro suxeito da identidade de noso. A identidade da xente desas aldeas hoxe despoboadas. Vidas de  frío, xeadas, neve, en espera da morte, entre a negrura e a soidade porque na vellez todo se xunta. O narrador é testemuña emocional e empático, á vez que lle dá voz a unha figura que representa unha forma de vida en extinción. E faino cunha escrita que amalgama a oralidade, aquilo co que matina a vella, se ben nunca fala, cun rexistro literario. Un trazo salientable da escrita desta pequena novela-testemuño é a depuración de todo o que pode ser sobreentendido sen o facer explícito, amosando unicamente aquilo que é esencial. Desa forma de escribir forma parte a supresión dalgúns artigos e preposicións diante de nomes, co que se logra un maior achegamento á voz narrativa.

(Texto publicado no xornal Faro de Vigo o 22 de marzo de 2018)

Esta entrada foi publicada en Critica literaria, Narrativa galega e etiquetada , . Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *