O entroido nas letras galegas

MICRO ENSAIOS LITERARIOS

 

Non se acaba de entender a nimia presenza  dos temas do entroido nas letras galegas, malia a súa orientación ruralista, tradicional e duradeira ata as vésperas da literatura galega actual que, pola contra, amosa quizais un certo predominio das temáticas urbanas. Porén, é incontestable, por un lado, a existencia dunha importante literatura oral verbo do entroido; e, por outro, a relevancia das festas carnavalescas nesta terra poida que sexa superior á que ten noutras partes, nomeadamente en Castela. Así e todo, na literatura clásica española, atópanse vestixios e trazos abondos e temperás das Carnestolendas, principiando pola “Batalla de Don Carnal e Doña Cuaresma do Libro de Buen Amor.

As pegadas do entroido na literatura galega limítanse a alusións curtas e anecdóticas, xeralmente de esguello paisaxístico e con relacións a carnavais foráneos: (Marcial Valladares, Maxina ou a filla espúrea, 1880, Francisca Herrera, Martes de Antroido, 1925); breves descricións do ambiente carnavalesco aldeán (Eugenio Carré Aldao, Nos picoutos de Antoín); alguha peza teatral de ton conxuntural e mitineiro (Camilo Valdeorras, Progreso e andrómena de Antroido, 1978); un relato requintado dun entroido do Val do Ulla coas mascaradas enxebres de xenerais e correos de Neira Vilas (Memorias dun neno galego, 1961); algunha Cousa de Castelao con pinceladas  dun humor tenro e misericorde; o título do primeiro libro de Manuel Rivas, Libro do Entroido que tan só de xeito metafórico ten que ver coas carautas reais. Tamén, se ben moi afastado do entroido galego, a descrición que Víctor Freixanes fai do carnaval borgiano na Roma do século XVI en O enxoval da noiva.

Cumprirá agardar ata finais dos anos noventa e comezos do século actual para atopar o sabor e a sedución do entroido galego nalgunha as obras de Emilio Araúxo, Refírome a un dos relatos (“A noite do felo”) publicado no seu libro de relatos Tempos serodios (1996) e aos textos do poeta frncés Claude Royet-Journoud, un dos más sobranceiros poetas franceses actuais, representante do literalismo, que comenta e comparte o misterio das máscaras do libro de fotografías dobre os felos do val de Maceda do mesmo Emilio Araúxo Frases para un felo (2003). E non me quero esquecer dos versos antropolóxicos como os definiu Uxiu Novoneira, ou neolíticos en palabras do mesmo autor, Emilio Araúxo de Cinsa do vento. Libro da Ribeira Sacra: “Os felos” e sobre todo o longo poema “O convento” no que expón a súa teoría, se cadra no só poética, sobre a orixe dos felos e as súas carantoñas: “O Convento de San Adrián, / era a Santa Inquisición, / a primeira noite de casados / durmían os frades coa noiva, / chamábase a pata do felo…” (páxina 190).

O baleiro é semellante no discurso ensaístico e no terreo da investigación etnográfica e antropolóxica. Algún traballo de campo da man de membros da Xeración Nós (Cuevillas, Fraguas, Bouza Brey, Lorenzo e especialmente Risco), sen comparanza en calquera caso coa obra de Caro Baroja El Carnaval, verdadeiro punto de referencia da materia. E as acostumadas e concisas referencias das enciclopedias, como tal a de X. R. Mariño na Gran Enciclopedia Galega baixo do rótulo “Peliqueiro”.De modo e maneira, que cómpre agardar ata os anos noventa para atoparmos obras completas e sistemáticas sobre o entroido galego ou que profundan no seu significado.

Refírome aos libros de Federico Cocho, O Carnaval en Galicia, 1990,  de Xerardo Dasairas, O entroido en terra de Monterrei, 1990 e o capítulo “As máscaras do poder” da obra de Marcial Gondar, Crítica da razón galega (1993).

Aínda que polo seu carácter máis xeral e comprensivo a publicación de Federico Cocho non desbota unha certa análise do carnaval urbano, fino e elegante, de casino e desfile de carrozas – imitación dun carnaval de raigames italianas-, os tres autores focalizan as súas pescudas no estudo da máscara e do ritual do entroido rural, o da sátira, a enchenta e a inversión de papeis, tentando rastrexar as crenzas, significados e formas expresivas submersas e inherentes nas trangalladas e na transgresión dun entroido tradicional, hoxe esmorecido ou residuo fosil no medio dunha universalización colonizadora e depauperate.

Á hora de clarexar as concomitancias e sentidos agochados nas estruturas superficiais das trouladas galegas das festas da burla de febreiro, tanto Federico Cocho como Xerardo Dasairas insírense nas ringleiras máis amplas e nutridas daqueles intérpretes que se decatan pola entroidada como rito de inversión, que, herdeiro ou non das Saturnais romanas, vén ser un período igualador no que a volta á tortilla é total: invértense roles, status, xéneros e sexos, códigos de vida, e mesmo valores estéticos, tal como acontecía nas aloucadas festas dos tolos medievais, das que o entroido é tamén fillo.

 

Felos en Arnuide

Ao teatralizaren papeis alleos, os corredores da xoldra carnavalesca imprimíanlle as súas mascaradas o carácter subversivo do antipoder. Un tempo extraordinario no que a demencia úbrica dese animal dotado de sirazón desde as tebras da súa orixe primática, como Edgar Morin tamén definía o homo sapiens, irrompe masivamente en forma de desorde, barafunda, desmesura, parodia e crítica social. O home mitolóxico, o home louco-cordo acha, na viravolta do entroido, a transgresión e contradición da vida cotiá, a inversión total de valores.

Moi distinta é a lectura que fai Marcial Gondar. O entroido segue a ser a representación do exceso e desenfreo, a inversión da moderación cristiá, a rachadura de todas as sagradas barreiras que acoutan a vida humana: poder, casa, cama, sexo, parroquia, individualidade… Porén, todo sucede soamente en representación: “Facéndonos vivir o que non pode ser, no só porque sería insoportábel para a economía e a vida social, senón para a propia saúde… fórzannos a recoñecer a necesidade da moderación e a mesura, sobre todo naquelas cousas que parecen o ideal da felicidade.”

O poder, xa que logo, enmascara e mistifica no entroido os seus intereses, trocando o que semella o celme da subversión, nunha sutil e precisa escola de submisión. Parodiando algunhas das regras dos creadores das teorías de sistemas e das teorías de autómatas, poderíase concluír que, na absoluta abertura da entroidada, funciona á perfección o principio da orde desde a desorde e a orde desde o ruído.

En calquera caso, a expresión e o resultado dunha desorde sapiencial e orixinaria que no momento actual, coa aceleración de tantos procesos, mutacións e estratexias propias da “era do baleiro” (Lipovetsky), ten os días contados; e o enterro do entroido poida que, de vez, sexa non o último senón o derradeiro, desaloxado por un carnaval depurado dos elementos brutáns das mascaradas “de los paletos de la aldea”, aprendido e imposto vía televisión, no alude imparable do proceso de urbanización da vida.

 

Pantallas do entroido de Xinzo de Limia

Fragmentos

 “Era unha noite escura coma o mel, ai amigo, aquilo deu que falar, metía medo a brincadeira que houbo alí, nunha voda sempre hai troula, pois non ten comparanza, se cho conta a Clara tenche que contar, neno vai chamar por ela, avía, corre piollo, me cago na orde, que brincadeira aquela, Ó Agustín queríano moito, mira, andaba arando alí nunha leira e entón chegou un rapazón, era de Arnuide, e díxolle: Agustín se te queres vestir de felo agora á tarde podes vir busca-lo traxe porque despois lévancho outros, era ese irmán doVilas, aquel Xosé María, non sei que foi máis del, ben, pois faloulle así: oíches, dixo o meu irmán que se te queres vestir de felo que veñas polo traxe, e el acenoulle: berra pouco ho que me está aquí o pai, o pai a menor ansia que tiña era que lle andasen os fillos de felos, ó tío Amadeo non lle gustaba que se vestisen de felos, estivera e Cuba moitos anos traballando na xoiería Johnson da habana e despois daquel clima civilizado víanos así como salvaxes, entón o Agustín marchou zoando polo traxe e acabou de xantar e xa liscou para Arnuide á procura do traxe, veuse vestir a Calvelo, mais foino buscar alá…”

 (Emilio Araúxo, “A noite do felo”, en Tempos serodios, páxinas 147-148

 

…..

 

OS FELOS

 “Vestíanse  de felos,

vestidos de mala morte,

con calquera fandelo vello,

e cun rabo perongado,

e cunha perica dunha ovella,

e corrían detrás dos rapaces

cunha caxata,

corrían deica o inferno,

coas chocas tocando,

puñan unhas chocas na cintura,

e ían trunculuntrún,

culuntrún, culuntrún”

 (Emilio Araúxo, Cinsa do vento. Libro da Ribeira Sacra,, páxina 138)

 …..

 “Miro esa carantoña (Os felos do Val de Maceda) e ese movemento o ombreiro e sinto unha especie de forza teimosa que quere saír do «personaxe», do cadro…Unha soidade que se coñece e se acepta.

Esta carantoña é tan fermosa! O movemento forte – e curiosamente «impedido» á vez”

 …..

 “O mércores día 20 de nadal, vou pensar neste felo, na forza testuda que contén o seu camiñar, coa mirada baixa, cara á fin e o comezo: acabo de saber que se me outorga, ese día, un premio”

 (Claude Royet-Journoud, Frases para un felo, páxinas 24, 36)

Esta entrada foi publicada en Micro ensaios literarios e etiquetada , , , . Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *