Ben conxugada amalgama. Intriga, xograres e trobadores

A arte de trobar

Santiago Lopo

Edicións Xerais, Vigo, 2017, 217 páxinas.

 

Cunha novela máis convencional que as súas pezas narrativas precedentes, Hora zulú e A Diagonal dos Tolos, Santiago Lopo acadou con A arte de trobar o Premio Xerais de Novela 2017. A arte de trobar está moi afastada do fragmentarismo de Hora zulú, mais dálle certo acubillo a unha estratexia narrativa esteada en dualidades, nomeadamente a de Elvira/Martine e Isahort. Unha estrutura compositiva lineal mergulla o lector nunha historia que o autor coloca a comezos do século XIII, en pleno apoxeo da lírica galegoportuguesa  medieval, un certo esmorecemento do lirismo provenzal, o auxe da herexía dos cátaros e o nacemento da Inquisición no sur  de Francia. E con varios temas de fondo, entre os que sobrancean a resistencia cultural, a represión dos cátaros, a diglosia e a cuestión do xénero.

A historia desenvólvese con boa parte dos protagonistas percorrendo camiños: unha compañía itinerante de artistas, xograres e comediantes, viaxan polos reinos do norte de Península, levando a cabo espectáculos de todo tipo. Antes de chegaren a Burgos, úneselles  unha moza rubia, Elvira que escapa dos francos do norte e da persecución inquisitorial que se propón purgar de cátaros o país do sur, Occitania. En paralelo, a narración amosa a imaxe máis negra da Inquisición, representada polo personaxe Guillaume Arnaud, e o avasalamento que os francos do norte están a levar a cabo coa cultura occitana, nomeadamente en Toulouse onde actúa con brutalidade o cabaleiro flamengo Guy de Lille. A moza á que chaman Elvira, é unha brillante troibaritz de cansós occitanas, comunga coas ideas dos cátaros e fuxe levando consigo un  suposto  libro de nigromancia do que se quere apropiar o usurpador Guy de Lille. Aparece entón a figura de Isahort, un dos mensaxeiros que son enviados ás dioceses aragonesas para capturar a Elvira e apoderarse do códice que leva. Comeza así un verdadeira novela de aventuras no que salienta a fuxida de Elvira en compañía dos comediantes, acosada por ese ser astuto e desapiadado, con vocación asasina, e cuxa resolución o lector atopará  no desenlace do libro.

 

Santiago Lopo

 

A arte de trobar é unha novela amable de aventuras, na que, xaora, o autor dá no albo. Nunha aliaxe de historia e ficción, Santiago Lopo mergúllanos de cheo na Idade Media e en moitos dos seus trazos: guerras, cruzadas inquisitoriais, tratados e procesos de alquimia, menciñas, velenos, apócemas alucinóxenas, grimorios, bafordos, xoldas depravadas, persecucións e herexías. Atina ao definir os cátaros e ao sinalar as súas relacións cos maniqueos. Diferenza con acerto xograres e trobadores. Son oportunas as referencias á diglosia: a excelencia do latín, lingua do coñecemento, fronte á lingua de Oc, fala dos campesiños. Mais sobre todo a novela está centralizada en dous grandes marcos literarios: a lírica provenzal e a galega no Medievo: cantigas galegas e cansós provenzais  habitan en moitas planas do libro. As mulleres, Elvira/Martine especialmente, Isahort e María Balteira nun papel máis puntual, son personaxes determinantes na acción novelesca. No andamiaxe da novela, altérnanse capítulos breves dedicados aos comediantes e á intriga da persecución que soporta Elvira, con outros que relatan as teimas, a barbarie inquisitorial e os bacanais e procesos alquímicos do usurpador Guy de Lille. Unha prosa orlada pola naturalidade e sen demasiadas grilandas, sérvelle ao autor para narrar con firme pulso esta ben conxugada amalgama de intriga e realidade histórica.

(Texto publicado no xornal Faro de Vigo o día 23 de novembro de 2017)

Esta entrada foi publicada en Narrativa galega e etiquetada , . Garda a ligazón permanente.