Feminismo de tolerancia cero

Como ser Muller

Caitlin Moran

Tradución de Moisés Barcia

Rinoceronte Editora,Cangas do Morrazo, 2017, 341 páxinas.

 

A escritora Caitlin Moran (Brighton, 1975) é unha famosa e divertida comentarista na televisión inglesa, con miles de seguidores nas redes sociais e centos de miles le lectores desta súa segunda novela -ou o que sexa-, How To Be a Woman (Londres, 2011), traducida recentemente ao galego e cos dereitos de edición vendidos en máis de vinte países. Foi considerada ademais como o libro do ano 2011 en Inglaterra.

As páxinas do libro encarnan  o que Caitlin Moran chama “feminismo exaltado” e de tolerancia cero coa cultura patriarcal, ao mesmo tempo que deconstruen os modelos femininos politicamente correctos. Un libro, xa que logo contra a feminidade perfecta, esa que se vende en estereotipos. E tamén á marxe do feminismo académico, ese feminismo aburrido  e enfadado que xa chegou, segundo a autora, a un punto morto e ao que, porén, o queren defender, mais desde o desenfado. Con razón Caitlin Moran está sendo considerada nalgúns círculos como a emperatriz dese feminismo bautizado como vaxina-lit, baseándose no test que autora propón na páxina 90: “Mete a man dentro da braga e responde: a) Tes vaxina? b Queres ser responsable dela”. Exaltada e criticada ata a exasperación – Martin Amis dice dela que é máis macho ca os machos- mais  cunha grande aceptación entre os lectores.

O libro é, secasí, unha exposición e unha defensa do feminismo, dos pequenos, cotiáns e ata estúpidos  problemas que as mulleres afrontan cada día ao longo da súa vida, desde o momento no que, case que sempre de xeito improvisado, e sen que ninguén lles teña falado diso, chega a regra, ou o ferinte intre no que toma  a decisión de abortar porque sabe con enteira certeza que no pode ter outro bebé, por moi obscena que semelle a imaxe da nai que se nega a dar vida. Ou o convencemento de que facer a cirurxía estética non é nin sensato nin acertado e tampouco feminino. As engurras son realmente a arma da muller contra os idiotas.

Cun radical e convincente sentido crítico e unha linguaxe moitas veces desenfadada, desvergoñada, tamén divertida e nomeadamente moi didáctica, Caitlin Moran introduce o lector na súa propia experiencia de se facer muller a partir dos trece anos e con sobrepeso. A avalancha hormonal da adolescencia, a torpe primeira masturbación que se converterá, porén, nun hobby; a pornografía que, segundo a súa forma de pensar, non é intrinsecamente explotadora nin machista xa que no fondo non é máis que follar e practicar sexo, se ben pola súa parte aposta por unha pornografía na que poida verse a xente practicando sexo non mecánico, senón porque o desexa.

E seguen moitos outros testemuños e reflexións tiradas, como xa quedou apuntado, da súa propia experiencia verbo do corpo; a novidade do peluxe na pube, e a solución ao problema roubándolle unha coitela de afeitar ao  pai; todas as eclosión da puberdade, a conciencia do feminismo logo de ter lido A muller eunuco de Germaine Greer, sen saber moi ben de que trata; a roupa especializada para a muller (o equivalente feminino do traxe de bombeiro e do casco, escribe con humor); a súa defensa do coqueteo feminino; a experiencia do namoramento e a importancia que se lle outorga ao feito de que unha muller teña parella; a súa voda, a trampa das vodas con gastos avultados e excesivos, responsabilidade case que sempre das mulleres e trapela na que ela mesma cae. As súas experiencias coa maternidade, narradas en primeira persoa nas secuencias cómicas e de máis grande peso nesta publicación; “Por que deberías ter fillos”, “Por que non deberías ter fillos” e “Aborto”. Nos dous derradeiros capítulos non só nos fai partícipes  da súa decisión, tomada de forma consciente co seu home, de abortar no seu terceiro embarazo, senón que tamén amosa o seu xuízo indignado diante da idea de que o aborto está contraposto á feminidade, baseada na concepción de que a quintaesencia da feminidade e da maternidade é sustentar unha vida a calquera prezo. Mais a autora recoñece que o aborto é algo brutal, extremadamente violento.

 

 

Caitlin Moran

Libro sen dúbida feminista, mais alicerzado no feminismo do propia experiencia, non homologable  co de todas as mulleres, porque tampouco existe o estereotipo feminino, senón moitas mulleres, cada unha dentro da súa vida. E iso acádase facéndolle fronte os grandes ou pequenos atropelos  machistas. Endalí que Como ser Muller sexa claramente un libro radical contra a misoxinia, mais o feminismo de Caitlin Moran ten pouco que ver co defendido pola meirande parte dos movementos feministas cuxo teorema central é que a muller debe saír do fogar para sentirse realizada e liberada do xugo patriarcal. O que Caitlin Moran propugna é un feminismo cimentado na súa propia crónica biográfica. Por esa razón é nada ou moi pouco académico e si, ata certo punto, televisivo. Mais cun postulado central indiscutible: a liberdade da muller para ser ela quen decida se sae ou no do fogar, con quén ergue unha familia, se iso éo que decide, cántos fillos quere trae ao mundo ou mesmo se opta por se depilar ou ser peluda. Noutras palabras: o que realmente debe querer unha muller é ser aquilo que, con todas as consecuencias, é: un ser humano.

Se o lector se achega ás provocativas observacións de Caitlin Moran, con honesta apertura mental, esa é a conclusión que se extrae deste libro, afastado de lecturas e interpretacións aberrantes, froito xeralmente de prexuízos.

Esta entrada foi publicada en Critica literaria, Narrativa estranxeira traducida e etiquetada , . Garda a ligazón permanente.