Un thriller médico

Tras Las defensas, a novela de Gabi Martínez, agóchase unha historia real: a dun neurólogo que tornou tolo. Unha historia que de xeito casual caeu nas mans do autor cando o neurólogo Domingo Escudero se achegou á mesa onde o escritor asinaba exemplares do seu último libro e lle ofreceu a súa propia historia para que Gabi Martínez a cociñase ao seu gusto, e que o neurólogo resumiu así: “eu son neurólogo, enlouquecín durante unha tempada, daquela non había diagnóstico para a miña enfermidade e engaioláronme nun psiquiátrico. Saín e aquí me tes, semello normal”.

Gabi Martínez relata en Las defensas este feito real, mais fantasiado polo narrador, aínda que sen adulterar a verdade. O escritor camufla a Domingo Escudero baixo o nome de Camilo Escobedo, protagonista da novela. Na mesma, o narrador achéganos a súa propia historia, alternando secuencias que son verdadeiros flashbacks  coas que recupera o pasado, con outras nas que o discurso cínguese ao presente do doente internado nun psiquiátrico para se recuperar dun trastorno bipolar, cuxo orixe está no estrés e no mobbing ao que foi sometido o protagonista polo xefe do servizo de neuroloxía.

Medicalizado erroneamente, cousa que el sabe, e mesmo candidato a unha sesión de electroshock, supera esta primeira acometida, pero pronto sobrevén a segunda. Porén, antes diso asistiu a un simposio no que participaba o doutor Josep Dalmau que no ano 2007 descubrira o anticorpo  que atacaba o receptor NMDA do cerebro.

Unha enfermidade diagnosticada de mil formas, todas equivocadas: desde autismo ata posesión diabólica, mais en realidade a súa natureza é máis sinxela: o corpo convértese en vítima do propio sistema inmunitario porque, no canto de atacar unha infección externa, diríxese contra o propio cerebro, alterando a conduta e a memoria. Un libro multixenérico alicerzado nunha historia moi potente na que, a par das derivas do neurólogo louco, o autor traza un retrato verídico de España desde a Transición, nomeadamente do sistema sanitario anquilosado e gobernado por unha casta xerárquica. Escrita cunha tonalidade que roza o épico e cun halo de misterio, Las defensas convértese nun verdadeiro thriller médico.

(Texto publicado no xornal El Correo Gallego o día 7 de xullo de 2017. Para ver o orixinal facer clic aquí)

Esta entrada foi publicada en Narrativa en español e etiquetada , . Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *