Relatos eróticos en voces galegas

Abadessa oí dizer

Relatos eróticos de escritoras da Galiza

Varias autoras

Através Editora, Santiago de Compostela, 2017, 111 páxinas.

 Baixo a epígrafe dun escarnio obsceno de Afons’Eanes de Cotón (“Abadessa oí dizer”) e a chamada de Carmen Blanco (“Saúde mulheres, quero-vos lobas livres”), nove autoras galegas responderon ao pedido de Através Editora e escribiron cadanseu relato erótico, avanzando así nos “movimentos do bom amor”.

Son elas: María Lado, Verónica Martínez, Raquel Miragaia, Teresa Moure, Emma Pedreira, Isabel Rei Sanmartín, Susana Sánches Arins, Rexina Vega e Eva Xanin. Os seus relatos viron luz hai unhas semanas so o rótulo do escarnio do trobador medieval, e o subtítulo “Relatos eróticos de escritoras de Galiza”. Elas, seguindo a tradición  de poetas e narradores da historia occidental -tamén os autores das cantigas galaico portuguesas- que nunca deixaron de falar do sexo, acreditan que tanto o erotismo como a pornografía son manifestacións da sexualidade, unha actividade que tamén nos define como humanos, como sapiens baixados das árbores; reprimidos, porén, pola tradición intelectual e pola moral xudeu-cristiana. Unha actividade que, na opinión de pensadores do talle de Georges Bataille ou Michel Foucault, é un dos principais problemas cos que se enfronta a nosa especie.

Con todo, non son as achegas destas nove mulleres escritoras galegas unha expresión brava do sexo. Non son os seus relatos pornografía, se ben as diferenzas entre erotismo e pornografía son moi sutís, dependendo case que sempre dos estereotipos éticos. sociais, psicolóxicos, estéticos, feministas ou machistas que sempre son subxectivos. A moza do primeiro relato quere ir de carallada e que o mozo que resplandecía no medio do xentío a empurrase contra a parede. Noutros relatos, todo é labios e saliva, o gusto da carne, casacas e blusas tiradas, bondaxe salvaxe, anegacións entre seos femininos, labaredas que inflaman…Benvidas sexan, pois logo, estas reivindicacións dos praceres corporais recollidos nestes relatos do subxénero da literatura erótica, cociñados co lume e o pulo da maxia sexual, coa contumacia da carne, porque tamén contribúen, como o ensino en galego, o cine en galego, a liturxia en galego… á normalización da lingua de noso.

(Texto publicado no xornal El Correo Gallego o día 12 de xuño de 2017. Para ver o orixinal, premer aquí)

Esta entrada foi publicada en Critica literaria, Narrativa galega, Relato breve e etiquetada . Garda a ligazón permanente.