Susi Arnela e os senlleiros bebedores e vagabundos de Xuvino

Fin de Festa

Diana Varela Puñal

Edicións Laiovento, 2ª edición, Santiago de Compostela, 2017, 85 páxinas.

 

Cunha nova portada na que Diana Varela Puñal homenaxea a seu avó e padriño, Suso Puñal, un traballo ao xeito de introdución asinado polo profesor Luís Antonio Guiadás, responsable asemade dun glosario de cormelanismos e de topónimos de Corme, a terra onde naceu a escritora. E coa recuperación de dous poemas ausentes por vontade propia na primeira edición do ano 2015 (“Antonia Dourado” e “Danza de brindes ou alianza”) bota a andar esta segunda edición de Fin de Festa, a novela erguida coa coherente ensamblaxe de moitos relatos fragmentarios, que serven, porén, para achegarnos a historia de Susi Arnela acompañada dos “solitarios bebedores e vagabundos” de Xuvino.

Reproduzo a recensión da primeira edición de Fin de Festa que publiquei no ano 2015 cun algún breve engadido.

Setenta e sete planas abóndanlle a Diana Varela Puñal que, con esta peza, fai a súa estrea no eido da prosa para retratar o microcosmos de Xuvino, a vila mariñeira, posible trasunto ficcional do Corme da súa infancia. E faino cun destro e atinado emprego da evocación, amalgamando lembranzas e ficción en pequenas secuencias que recrean a historia de Susi Arnela, fío condutor desta novela de relatos, os retratos dun monllo de personaxes senlleiros da vila ou da contorna, e o mesmo Xuvino, convertido, nas prosas de Diana Varela Puñal, nun novo espazo mítico, desta volta á beira do mar.

É a vida de Susi Arnela, despregada en catorce secuencias, a principal fía condutora destas historias, pequenos retratos -retratos de sombras segundo a presentación editorial- para non esquecer. Susi Arnela que dominaba co seu poderío e o seu feiticeiro fulgor que lle  corresponden por ser a moza máis fermosa da vila, pero que, para a súa desventura, inxire sustancias que, ao cabo dos anos, amosan estragos no seu aspecto, transformándoa nun mito vido a menos. Susi Arnela que se afastaba dos amoríos e soamente se deitaba por cincuenta euros cos tipos de boa presenza que lle chistaban. Ata que toca fondo e comeza a delirar, porque quizais o seu sino nunca fora estar con ningún home, senón mergullada na inconsciencia e no soño. E como é de lei, a súa existencia está transitada de anécdotas como a de mexar coas amigas ao aire libre, rito iniciático que preludiaba a entrada na adolescencia.

Enrestradas nas andanzas de Susi Arnela, outras trece narracións e dous poemas que nos achegan pequenos retratos doutros personaxes de Xuvino que, dalgún xeito, entremesturan as súas vidas coa da protagonista, e comparten con ela diversos episodios da súa existencia e do seu mundo. Personaxes senlleiros da vila mariñeira como “O deslumbrado”, un toliño malpocado; “Nolovegho”, un grande afeccionado ao lambocio ao que, malia que lle “leiqueban” as mulleres, era no fondo un anacoreta; o mangallón de Constante para o que non había camisas nin calzas; Fernando D’avás, de linguaxe misteriosa por cousa do seu tatexo; Gonzalo Ushanka, o “filósofo” que lle daba ben á garnacha; Elpidio Zulueta, un pillo semental destemido que preñara a solteiras e casadas; Vidú, o cociñeiro de Susi, de orellas picudas e con sona de gran conquistador; en fin, Secundino Tusitala, un mariñeiro mercante que navegara por medio mundo. Cada un destes “senlleiros persoeiros” cos que se trenza o retrato de Susi Arnela, arrastra consigo historias curiosas ás que lle fai de pano de fondo Xuvino, un espazo con moitas fías sentimentais, E os dous poemas, novidade desta edición: “Danza de brindes”, a recreación dunha bebedela de ribeiro deshumanizada, sen sequera mirarse os que na mesma participan. E “Antonia Dourado”, a muller violada unha e outra vez, o calvario dunha muller fraquiña e pobre pola súa condición de xénero.

 

Diana Varela Puñal

Diana Varela Puñal mergulla o lector nesta colectánea de estampas e retratos, en arquitectura trenzada coas do mito de Susi Arnela e as súas malfadadas esquinas. E faino co emprego dun estilo de prosa evocador que, coa mirada condescendente e comprensiva, mais sen esquecer esa praga do mundo da droga, nos achega unha voz narradora que non xulga nin condena, e nos enfronta co camiñar cara a destrución persoal do personaxe principal, Susi Arnela, “cínica e libre como a auga”, que encara a morte con asombro e dignidade.

Esta entrada foi publicada en Narrativa galega e etiquetada , . Garda a ligazón permanente.