Pracenteira lectura. Homenaxe á memoria vilega limiá

A ferida do vento

Antón Riveiro Coello

Editorial Galaxia, Vigo, 2016, 140 páxinas.

    No breve treito dunha semana concentra Antón Riveiro Coello a transición da infancia á adolescencia do protagonista de A ferida do vento, Antón, alter ego do mesmo autor. Malia que sexa unha reconstrución inventada, con mestura de realidade e ficción que acontece nun pequeno período  temporal, o resultado é unha peza literaria de gran calidade, propicia ademais para unha lectura pracenteira e deleitosa. O libro é, na súa xénese, froito dunha promesa longamente aprazada: o compromiso que no ano 2001 lle fixera A. Riveiro Coello a Carlos Casares de escribir un libro de relatos verbo dos tolos de Xinzo de Limia. Unha promesa que ficou na nada ata o ano 2014 no que finalmente decide escribir sobre eses seres extravagantes, empregando como fío condutor o propio tránsito do autor da infancia cara á adolescencia, e coa mente de homenaxear a vila natal e a Carlos Casares e a súa obra narrativa.

   A ferida do vento sutúrase con esa orientación de certa narrativa actual na que unha serie de autores escriben sobre si mesmos. Trátase da autoficción ou literatura do eu. Neste caso, do eu histórico, do eu do tempo pasado, o da adolescencia, fragmentado a través dunha manchea de espellos que son os personaxes principais e secundarios, tan importantes nesta novela. Novelación do propio ser humano nas súas experiencias persoais e na captación do mundo que o rodea ou no que medra que, sen ser autobiografía, ni diario, nin memorias, nin novela pura onde todo é imaxinación, é porén todo iso: un cruzar da autobiografía cara aos dominios da fabulación. A. Riveiro Coello novela para converter as propias experiencias e as dos personaxes ao que lles da vida en parte da gran historia do mundo. Grazas a esta novela a galería de personaxes, a mesnada de tolitates  de Xinzo, arrolados polo vento frío, e outros veciños da vila, teñen voz na historia da literatura galega.

A novela, nunha suscinta sinopse, é  a narración do paso da infancia á mocidade do protagonista que retrata ao mesmo tempo unha serie de personaxes de Xinzo de Limia, a vila natal do autor. É ese tránsito o fío condutor da novela, nomeadamente a morte prematura do amor adolescente que o protagonista coñece ao retorno do internado, e a deserción, da que se sente culpable da memoria da rapaza que o elixira, para fixar os seus ollos na franqueza do corpo de Elsa, unha rapaza alemá, na que dorme o seu desexo. Todo iso convértese en pretexto para que o escritor nos amose ese mundo limiao no que o verdadeiro protagonismo lle corresponde  a un personaxe colectivo. Os tolos da vila, seres memorables nos trazos que deles nos proporciona o autor, afectados polo frío vento limiao. Son eles e a presenza do avó Mauro que é para o protagonista tamén un espazo, un lugar de recreo, os verdadeiros actantes de A ferida do vento. Son seres que irrompen con natural inxenuidade en toda a narración protagonizando escenas memorables, ateigadas de dignidade, como é o caso de Demetrio o Forestal que celebra a vida e non a morte plantando unha árbore cada vez que nace alguén na vila.

 

Antón Riveiro Coello

A acuidade narrativa do autor sabe modular a presenza destes aloulados feridos polo vento, e coser de xeito convincente os seus comportamentos. Desta forma,  a novela non é unha sucesión anecdótica de historias superpostas, senón unha verdadeira trama novelesca no que o máis importante non son as tolerías senón o tratamento con que o autor debuxa os seus responsables: sobordantes de humanidade. Novela pois de homenaxe a Xinzo e as súas xentes axuizadas ou tolitates. Tamén a Carlos Casares que ocupa unha longa secuencia nun relato que nos é servido engordado por unha boa bricolaxe literaria da que forma parte un humor moi fino e curativo e un estilo directo  e diáfano para nos facer chegar unha manchea de historias que semellan tiradas do máis coruscante realismo máxico.

(Texto publicado no xornal Faro de Vigo o día 16 de febreiro de 2017)

Esta entrada foi publicada en Sen categorizar. Garda a ligazón permanente.