Testemuño comunal. Nunha xeira de iniquidade

Acta de vítimas

Victoriano Gutierrez Aller

Edicións Laiovento, Santiago de Compostela, 2016, 233 páxinas.

Cunha historia aparentemente ficcional na súa trama argumental e nos seus personaxes, se ben con algúns apuntamentos verídicos e inspirándose en veciños anónimos de Lalín para crear algúns personaxes, debuta na narrativa galega Victorino Gutiérrez Aller, un xurista de recoñecido prestixio e afouto impulsor do emprego do galego na súa profesión como notario. Porén, esta é a primeira mostra dunha agochada faceta literaria. O autor bríndalle ao lectorado unha mestura de novela testemuño e novela ficcional que acubilla asemade outros matices: novela social xa que é un romance comprometido coa Historia e coa verdade, novela comunal que recolle o protagonismo colectivo dos veciños da vila de Lalín e dos lugares da súa bisbarra na posguerra; novela así mesmo costumista pois que retrata costumes e tipos do país nos anos 40.

Existe porén no romance de V. Gutiérrez Aller un fío condutor que se desennobela  a partir fas accións do principal protagonista, o avogado Román Ulloa, un home maduro, solteiro e politicamente non comprometido. A acción novelesca desenvólvese en doce días do mes de outubro de 1946. O avogado Ulloa recibe o encargo de negociar a venta  do pazo dos Ferreiroa porque un alto cargo da ditadura está interesado no mesmo. El será o mediador; o labor de extorsión queda para o comandante da Garda Civil e para o xefe da brigadilla. Ulloa  acomete o seu labor, mais moi pronto sentirase obrigado a desenvolver funcións detectivescas nunha época escura porque o xefe dos falanxistas, un home que  babexa diante dunhas saias, aparece morto á porta da casa dos propietarios do pazo. Esa circunstancia fai que na novela se produza un xiro radical. A trama argumental céntrase nas investigacións de Ulloa que se inmisce a fondo no esclarecemento dese suceso que semella ser unha morte matada da que están acusados algúns veciños  que el considera inocentes. Con gran habilidade e sen que decaia o ritmo do relato, o autor lévanos polos carreiros e reviravoltas desas pescudas que terán un desenlace de todo inesperado.

 

Victorino Gutiérrez Aller

Secasí non é Acta de vítimas una novela detectivesca. Pode ser lida como thriller ou mesmo como novela negra, porque o autor osmatiza e modula no seu texto as mascas e estigmas dun tempo negro e desapracible na Galicia na prolongada noite de pedra da posguerra, nomeadamente para os máis humildes, para os galeguistas e os que apoiaron a legalidade republicana nunca recoñecidos como vítimas. A escrita de Gutiérrez Aller fai fincapé nese tempo gris de iniquidade: os caprichos de leis arbitrarias e especiais, os abusos dos afíns ao franquismo -“Hai que estar de parte dos que mandan” di un dos personaxes secundarios-; un tempo no que o medo determinaba os comportamentos de moitas persoas; as represións da Benemérita que mallaba á esgalla na xente; a moral agochada deses anos; as presións sutís ou ben patentes. Nesa paisaxe, o autor dálle voz a unha ampla galería de personaxes, sobre todo populares, nomeados polos alcumes daqueles tempos. Tamén ten protagonismo na novela a vila de Lalín, cunha perfecta descrición  das súas rúas e prazas. Así coma os usos e costumes daqueles anos. A estratexia narrativa que emprega o autor, está punteada por eses doce días nos que se desenvolve a acción, e alicerzase nunha andamiaxe que fai bo uso do fragmentarismo, con non poucas elipses que o lector ten que completar, mais moi afastada do minimalismo. Cóanse na historia principal varias subtramas, algunhas ben curiosas e mesmo risoñas, como a que Rula lle conta a Ulloa dos seus anos en Madrid ganando a vida como pode, exercendo dignamente a prostitución a súa maneira. Ou a tirapuxa entre un tolerante crego vello e outro novo intransixente, froito das fornadas do réxime tamén entre os curas, que se nega a dar sepultura en terra sagrada a un suicida. Mais todas estas fías narrativas secundarias conflúen para facer visible a turbia iniquidade de aquel tempo.

(Texto publicado no xornal Faro de Vigo o día 2 de febreiro de 2017)

Esta entrada foi publicada en Sen categorizar. Garda a ligazón permanente.