“O soño das cores”: aposta pola imaxinación e polo mito

O soño das cores

O soño das coresRamón Caride

Ilustracións de Jaime Asensi

Edición de David Cortizo

Maquetación de Tomás González Ahola

Urco Editora, Santiago de Compostela, 2016, 42 páxinas

    Na colección Urco infantil, publica Ramón Caride a tradución feita por el mesmo dunha fermosa xoia bibliográfica, que aparecera no ano 2010 na Editorial Almadía (Oaxaca, México). Unha insólita versión bilingüe na que o castelán convive coa tradución ao zapoteco ou distee. Dende ese soño de pombas que, segundo Álvaro Cunqueiro, é a vila de Cambados e atravesando a infinda extensión oceánica  e o dilatado país mexicano, o escritor galego recreou  esta fermosa alfaia literaria, El Pájaro Arcoiris (Le Mbind Mbi’j), rotulada na nova edición de Urco Editora como O soño das cores. Mais en ambas publicacións, Ramón Caride rescata da tradición oral zapoteca-mixteca, unha lenda pertencente a súa tradición mítica. O amor polas palabras consubstancial a todas as tradicións autóctonas primitivas, e  a destreza no se uso, propia do escritor galego, son capaces de ergueren novas realidades: o nacemento das cores, mais tamén o xurdir da ambición e da cobiza que fan que a negrura e a escuridade convivan coa luz e coas cores.

A lenda zapoteca-mixteca, recreada por Ramón Caride, retrotráenos ao tempo das orixes, no que os homes vivían na escuridade dunha terra lóbrega e ninguén, nin os paxaros nin  a xente, posuían cores. Mais neste mundo no que os ollos soamente vían sombras, unha rapariga soña que, alén da fronteira do horizonte, existía un paxaro ateigado de cor. É o Paxaro Arco Iris. Cóntalle o soño ao o seu amado, Cohiztli, ao que lle pide que consiga sete plumas dese paxaro para encher de cores o mundo. Logo de camiñar durante moitos días e seguir pola auga  a senda soñada, Cohiztli acada a terra da luz. E alí estaba efectivamente o Paxaro Arco Iris, vestido co cromatismo de plumas abraiantes. Coas sete plumas que lle dá o paxaro, o feliz namorado retorna a súa terra, e o mundo negro e lóbrego vístese de cores: a violeta que lle dá nome á flor que leva o mesmo nome…aos solpores sobre o mar. A pluma azul escuro que tingue o ceo estrelado e o mar profundo. E así ata as sete cores do arco iris, encarnadas e cadansúa pluma.

Deste xeito,  a perfección e a luz estendéronse por toda a terra. Ata que a cobiza fixo que Cohztli arrancase a oitava pluma que era negra coma o chapapote. E nese mesmo intre, todo tornou a ser negro de novo. Mais o froito do amor que latexaba no ventre da moza, fixo que o Paxaro Arco Iris suspendese unha parte do seu anoxo, e dende entón o mundo ten unha metade luminosa e outra escura. Ten día e ten noite.

 

Ramón Caride

Ramón Caride

Esta exquisita e saborosa fabulación chega ás mans dos lectores co engadido dun plus editorial que nos permite gorentar unhas extraordinarias ilustracións de Jaime Asensi capaces de nos mergullar nese mundo de cores e escuridades. Un paratexto cromático que tingue cada páxina coa respectiva cor encerrada na pluma. Unha aposta, pois logo, pola imaxinación e polo mito como realidades superiores, capaces de liberar aos homes e mulleres do labirinto da súa existencia, propias das tradicións primitivas, ofrecidas arestora nunha lingua culta pola pluma de Ramón Caride, que é capaz de reducir o mítico ao cotián. Xa que logo, unha fermosa publicacións ateigada de cor e de sabedoría que gorentarán por igual pequenos e grandes.

Esta entrada foi publicada en Critica literaria, Narrativa galega, Relato breve e etiquetada , , . Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a “O soño das cores”: aposta pola imaxinación e polo mito

  1. Araceli García di:

    Me costó un poco de tiempo poder leer tu reseña, ya que el gallego no lo hablo, pero fue muy interesante adentrarme a investigar para poder hacerlo. Me llama la atención la inspiración de este autor en la leyenda mixteca-zapoteca, para lograr esta obra que parece una gema literaria, llena de imaginación y magia, aunada al punto de vista de ambición y codicia que en realidad el autor quiere destacar. Me parece una gran opción a leer. Felicito tu trabajo y agradezco la oportunidad que me das de aprender. Un abrazo.

Os comentarios están pechados.