Entre a aventura e a Historia

A do vinte e unA do vinte e un

Hixinio Puentes

Sotelo Blanco Edicións, Santiago de Compostela, 433 páxinas

(Libros de fondo)

 

Foi no ano 2000 cando O bandido Casanova, unha novela de Hixinio Puentes (O Porto do Barqueiro, 1952), un autor ata entón descoñecido nos eidos da narrativa, se convertía na grande novidade da narrativa galega de formato longo, e consagraba unha materia narrativa pouco frecuentada entre nós: a novela de aventuras esteada na historia. O escritor consolidou nos anos seguintes a súa vocación pola materia e as tramas aventureiras, co reto non doado de inserir a ficción na realidade histórica, que Hixinio Puentes supera dun xeito envexable, en especial cando o facho da aventura leva os seus protagonistas aos espazos do mar e das naves que o sucan, temas nos que é un experto investigador.

Desta volta, A do vinte  e un, a última achega do autor, apreixa un período  transcendental da historia española, os primeiros anos do século XIX, que serven como pano de fondo ás andanzas e aventuras do protagonista e relator en primeira persoa, Xoán Pardiñas, un mozo galego da Costa da Morte, que vai reflectindo a súa vida e é testemuña, desde o seu oficio de ordenanza dos altos mandos da Armada, da defensa do Ferrol, do desastre da batalla que tivo lugar en Trafalgar o 21 de outubro de 1805, data da que tira o título a novela, dos sucesos da Corte que rematan coa destitución de Godoy e a abdicación de Carlos IV, do troco de alianzas e da loita contra os franceses. O destino levarao finalmente a Inglaterra onde actúa como home de confianza do embaixador español e en labores de espionaxe que lle permiten pescudar as orixes dos movementos independentistas das colonias de América e mesmo o xurdimento do nacionalismo irlandés. Mais todo isto, como xa dixen, actúa como marco para  a recreación das andanzas do protagonista, nun relato de aventuras escrito co alento e o recendo dos clásicos do xénero.

 

Hixinio Puentes

Hixinio Puentes

O autor emprega a lingua dun xeito sinxelo, pero especialmente ricaz no uso do léxico mariñeiro. Describe perfectamente  a sociedade de comezos do século XIX, en especial a da cidade de Cádiz, coa súa colonia de habitantes de todas as clases e  profesións e a dun Londres dickensiano, que actúan como elementos corais dos acontecementos históricos. Hixinio Puentes mantén así mesmo con habilidade un bo ritmo narrativo, o dinamismo e a intriga propias do subxénero aventureiro, aínda que o relato nada perdería co adelgazamento dalgúns capítulos, como tal os das regueifas coas mozas gaditanas. E sobre todo, neste relato unha vez máis ametafórico, malia situar o protagonista en relación con acontecementos e personaxes históricos, inxectar ficción na realidade, co que todo queda sometido ás leis da ficción, o lector non atopará atrancos para distinguir a fabulación da historia, á que a primeira ilustra grazas a súa acción embelecedora.

Esta entrada foi publicada en Critica literaria, Libros de fondo, Narrativa galega e etiquetada , . Garda a ligazón permanente.