FOLLAS NOVAS

Follas novasFollas novas

Rosalía de Castro

Edición, notas e comentarios de Anxo Angueira

Edicións Xerais, Vigo, 2016, 495 páxinas

 Corría o ano 2013 cando Edicións Xerais puña nas mans dos lectores e estudosos o primeiro volume (Cantares gallegos) das Obras Completas de Rosalía de Castro, un proxecto autorial no que vén traballando desde hai anos Anxo Angueira, que se plasmará en oito volumes que constituirán un dos maiores logros do sector editorial galego. Nestas datas, ve luz Follas novas, a segunda entrega desta notabilísima edición crítica. Un poemario que Rosalía escribiu co propio sangue e “en cuxas páxinas naufraga irremediablemente o corazón” (X.R. Pena). Anxo Angueira leva a bo porto este traballo de fixación canónica da “extensa e perpetua elexía sentimental profunda e ardente” (F. Rodríguez).

Nun amplo e esclarecedor estudo introdutorio, analiza Anxo Angueira, entre outras cuestións, a xénese de Follas novas, a súa arquitectura, o proceso que levou a Rosalía de Cantares gallegos a Follas novas, a súa posición pesimista e o pensamento crítico da poeta. Así como os principais eixos líricos (Poética da dor, Poética da soidade, Poética das sombras e da noite, Poética do adeus, Poética da nación). Nos criterios de edición, axústase Anxo Angueira á primeira edición en vida da autora, en 1880, se ben  non se esquece doutras edicións que se fixeron tamén en vida de Rosalía. Adapta os textos á ortografía actual, conservando, porén, os trazos característicos da lingua rosaliana. E logo da edición do poemario, sen desbotar os prólogos de Emilio Castelar e o  da mesma Rosalía, aborda o editor un inxente e arduo traballo crítico: un amplo apéndice no que amosa a fixación textual do material poético, a explicación de cadanseu  poema, a súa orixe, a súa estrutura e contido. Nas “Notas” esclarece todo o que fai referencia ao léxico, solucións dialectais, influencias literarias, entre outros aspectos. Un labor filolóxico e hermenéutico intenso e moi esmerado que dá fe dun traballo xigantesco asumido polo editor e que chega a bo porto.

Pola miña parte, parabenizo esta edición crítica que dá xenio ter entre as mans. Anxo Angueira e Edicións Xerais  achégannos, de forma definitiva, esta mostra senlleira do lirismo intrasubxectivo e radical (…) a nova flexión da alegoría nacional, tal como se escribe na presentación. editorial.

 

(Texto publicado no xornal El Correo Gallego, o día 16 de marzo de 2016. Para ver o orixinal, premer aquí)

Esta entrada foi publicada en Sen categorizar. Garda a ligazón permanente.