A “novela” de Domingo Fontán

Fontán de Marcos CalveiroFontán
Marcos Calveiro
Editorial Galaxia, Vigo, 2015, 243 páxinas

Con Fontán, a súa última novela, súmase Marcos Calveiro á tendencia da narrativa contemporánea de converter a persoas reais en personaxes de ficción. Nos últimos tempos, os escritores e en xeral os intelectuais, interesan cada vez máis aos narradores. Nas dúas últimas décadas, tense producido unha gran floración de novelas nas que o protagonista é un escritor ou un personaxe con intereses intelectuais, convertidos así en “dramatis personae”. O fenómeno non é estraño á literatura galega, nin sequera á narrativa de Marcos Calveiro, nomeadamente na súa primeira novela para adultos, Festina lente (2008), un percorrido pola vida do encadernador Ambrosio Cavaleiro, no marco da Compostela dos séculos XVI e XVII, a época dos primeiros textos impresos en galego. Tamén a súa segunda novela, Settecento, partilla trazos da chamada novela histórica, con Antonio Vivaldi como personaxe referencial, no fresco dunha Venecia, á vez teatro e espazo de intriga.
Neste contexto no que se suturan realidade e ficción, nace Fontán, novela gañadora da IX edición do Premio de Narrativa Breve Repsol. Fontán é unha recreación ficcional dos avatares vitais do xeógrafo e matemático Domingo Fontán, unha figura histórica dos séculos XVIII e XIX, autor dun labor moi relevante, sobre todo no eido científico como matemático e topógrafo, autor do primeiro mapa topográfico de Galicia realizado con bases e criterios científicos, mais relativamente esquecido. Retrato pois e recuperación dun científico liberal, cuxo labor foi fundamental para a cultura de noso, no seu tempo e nos séculos posteriores.
Desde a ficción, recrea Marcos Calveiro o nacemento e a infancia de Mingos Fontán, na aldea de Portas do Conde; as experiencias como estudante bacharel en Compostela no Colexio de San Xerome; o maxisterio do catedrático Xosé Rodríguez, partidario da ciencia con praxe e que lle amosa os vimbios para medir o mundo; a interrupción dos estudos debido á invasión napoleónica; o acceso ás cátedras universitarias; o labor docente como profesor de Matemáticas Sublimes; as envexas e denuncias de compañeiros; o nomeamento como celador da Universidade, co encargo de vixiar o comportamento e a vestimenta do licencioso alumnado compostelán. E sobre todo, a aposta polo emprego dun método científico, baseado na experimentación para trazar un mapa que reflicta a verdadeira Galicia. A triangulación xeodésica de Galicia para levantar a súa Carta xeométrica, percorrendo durante dezasete anos centos de leguas e ascendendo outeiros. Un traballo inxente, entre incontables atrancos, que lle impide facerse cargo da súa familia. Por riba da mesma, estivo o seu afán de medir o mundo para comprendelo. E ese mundo, o Mundiño, é Galicia. En fin, as dificultades para a impresión da Carta; o seu labor como deputado en Cortes no fragor da loita política combatendo o absolutismo, ou a participación na creación da primeira fábrica de papel en Galicia construída en Lousame, e no deseño da primeira liña férrea Cornes – Carril, ata que ten lugar o seu pasamento no ano 1866 en Santa María dos Baños de Cuntis.
Marcos Calveiro, mesturando ficción e abondosa documentación histórica, recrea, como xa sinalei, a vida e boa parte da obra de Domingo Fontán, retratando con habelencia a súa personalidade e o seu extraordinario labor, tomando como guía a ciencia, a razón e o traballo experimental, verdadeiros alicerces do método científico.

 

Marcos Calveiro

Marcos Calveiro

Na arquitectura da novela, atopamos capítulos moi curtos que reconstrúen, nunha visión xeral e quizais un pouco superficial, os principais socalcos da vida e da obra de Fontán. Secuencias digresivas que pretende reproducir o pensamento e os ensimesmamentos do personaxe. E escenas que se desenvolven fóra do percorrido vital de Domingo Fontán, sobre todo en Francia e Inglaterra, e que reflicten os coñecementos científicos daqueles anos e que, dalgún xeito, contextualizan a propia obra científica de Fontán como adiantado ao seu tempo, ao tempo que especialmente se vivía en España.
Desde a Fundación Domingo Fontán tense censurado a falta de rigor histórico de Marcos Calveiro, nomeadamente na elaboración do perfil e da personalidade de Domingo Fontán e da súa aventura intelectual e política. Crítica, ao meu entender, sen fundamento, xa que, malia que a novela tenta recrear o periplo vital dun personaxe histórico, faino desde a ficción. Como novelista -non biógrafo- ten toda a lexitimidade para inxectar ficción na realidade histórica. E cando se ficcionaliza un contexto ou personaxe histórico determinado, todo fica sometido ás leis da ficción. Xa que logo, en rigor, non existe ningunha novela histórica. A ficción, como marcador semántico, anula a historia, se ben é capaz de ilustrala de xeito fermoso.

Esta entrada foi publicada en Critica literaria, Narrativa galega, Sen categorizar e etiquetada , . Garda a ligazón permanente.