Un pesadelo ateigado de escenas kafkianas

A torre no deserto reducidoooooooooooooooA torre no deserto
Xoán Fuentes castro
Editorial Toxosoutos, Noia, 258 páxinas
(Libros de fondo)

Cun título tirado dun fragmento de literatura fantástica que le un dos personaxes, debutou Xoán Fuentes Castro (San Vicente do Mar, 1932 – Pontevedra, 2013), de forma serodia, pero moi digna, na narrativa galega. Porén a súa achega as nosas letras veu precedida por un amplo e eficaz labor como tradutor. En efecto, Xoán Fuentes Castro verteu ao galego antes desta novela, entre outras, obras como A engranaxe, O último Safari, Lingüística e colonialismo, Para comprender a música contemporánea, Conversas con Kafka e certos relatos de Joyce.
O fragmento que Xoán Fuentes Castro fai seu, sinálanos a idea xeratriz desta súa primeira novela. No medio do deserto, uns traballadores constrúen unha torre sen portas para celebrar a memoria dun príncipe que non chegou a nacer. Unha fermosa torre que non necesita de portas porque dentro non hai nada. Só a area na que se apoia. Unha construción que funcionalmente roza o absurdo e que serve de perfecto epígrafe para rotular os sistemas e os mundos que o autor nos fai ollar na súa narración.
Todos temos lido historias-pesadelos que, nun principio pertenceron ao campo da fantasía pero que, co paso do tempo, foron cambiando as súas coordenadas e remataron por se converter en reais. Unha destas historias-pesadelos, que nos tempos que corren, deixan de ser inverosímiles, é a que se atreve a contarnos Xoán Fuentes Castro. Unha histioria estarrecedora que debemos colocar na fileira e no ronsel das utopías negativas, aquelas visións do futuro que non viven da anticipación dunha maior liberdade, senón que nos lembran a ameaza da súa perda. Así, ás obras clásicas desta visión pesimista -quizais antiutópica- como Nós de Eugene Zamiatine, Un mundo feliz de Aldous Huxley, 1984 de George Orwell ou Fahrenheit 451 de Ray Bradbury, cómpre engadir A torre no deserto de Xoán Fuentes Castro. Como esas novelas, a fabulación de Xoán Fuentes Castro acentúa ata o caricaturesco a visión crítica do momento presente, proxectándonos nun porvir que, ao contrario das utopías positivas, xa non é radiante, senón perigoso e aterrador. Tampouco A torre no deserto describe relacións verdadeiramente humanas, senón o monstro totalitario, un antagonista inhumano que se absolutiza e nutre de todos os tópicos redentores; busca un perfecto axuste social e introdúcenos nun orbe de imaxes arrepiantes, verdadeira fábula do mundo moderno, por mor do seu culto a certas innovacións tecnocientíficas e do acatamento de tendencias tiránicas e ditatoriais que, sen nos decatar, rebentan con moita frecuencia.
O autor amósanos un escenario, o territorio dunha realidade bipolar desde o que aos protagonistas lles resulta posible enxergar dous futuros ao alcance da man, separados por unha verdadeira folla de navalla. A un lado, o mundo organizado, seguro, hermético no que se descoñecía a crueldade e o erro, mais no que pensar e sentir eran unha perda de tempo e estaban prohibidos porque xa o facían para os demais os bonzos do sistema. As autoridades cubrían as necesidades básicas e toleraban, e mesmo fomentaban, unha rede de caprichos. Pero as paixóns grandes e pequenas, os sentimentos, e sobre todo a doenza identitaria, ficaban desterrados, xa que non traían máis que conflitos, inimigos por excelencia do sistema. Fronte a este mundo unificado, libre de contrastes, alleo a calquera caste de continxencia, e vedado a toda aventura persoal, estaba -e está, poderiamos dicir- o seu oposto que reproduce a existencia humana en toda a súa crucial e contraditoria crueza. En definitiva, as dúas caras da maioría das configuracións sociais que agachan no seu interior “o tenebroso e satánico en combate perpetuo co luminoso e sublime.”

 

Xoán Fuentes Castro

Xoán Fuentes Castro

Neste dominio inhumano, un home, emblema de todos os que procuran e se decatan de que o sistema rexistra e goberna día a día o programa das nosas vidas, atopa unha nena á que profilla e emprende unha viaxe, culpado e desterrado por lle dar cabida aos sentimentos, cara a unha cidade inexistente, un lugar de ficción que ninguén coñece. A partir de aquí, o texto convértese nun peregrinar tras un fantasma. Unha viaxe absurda, nun país non menos absurdo, que leva os protagonistas cara á inexistencia, ao anonimato, símbolo do que moitos sistemas sociais actuais intentan facer cos seres humanos: degradalos á inexistencia.
Un desenlace, afastado de calquera tipo de convencionalismo optimista, ponlle fin ao retrato ficcional deste pesadelo ateigado de escenas kafkianas. Unha tremenda arremetida contra a faciana máis negativa do sistema que cambia de nome, de aspecto e de épocas, pero que xermola inexorablemete coma os fungos, vive do home e catalógao, aínda que soamente sexa para condenalo.

Esta entrada foi publicada en Libros de fondo, Narrativa galega e etiquetada , . Garda a ligazón permanente.