Calendarios fotográficos Xerais, 2016

Calendario Xerais 2016A Coruña anónima
A Coruña anónima
Prólogo de Antonio López Mariño
Edición de Celia Torres
Edicións Xearis, Vigo, 2016, 24 páxinas.

Calendarios Xerais 2016
Alberto Martí. Emigración
Selección de fotos e prólogo de José Caruncho
Edición de Celia Torres
Edicións Xerais, Vigo, 2016, 24 páxinas.

Como en anos anteriores, Edicións Xerais pon a disposición de galegos e galegas calendarios fotográficos de parede, mais con particularidade que, nesta ocasión, é posible elixir entre dous calendarios: o que leva por título “A Coruña anónima”, e o rotulado “Alberto Martí. Emigración. En ambas as dúas opcións, trátase de calendarios ateigados das esencias máis fondas da terra de noso.
“A Coruña anónima” é unha recuperación da vella cidade herculina. Doce fotografías anónimas, tiradas no século XIX, aínda que difíciles de datar, pero que seguramente constitúen a primeira reportaxe gráfica da cidade. Doce imaxes da Coruña no século XIX, recuperadas e tratadas polo fotógrafo José Caruncho e comentadas con brevidade, mais con acerto por Antonio López Mariño. A anónima máquina fotográfica alumea, sostén e obxetiviza, de forma atemporal, a Rúa de Garás -actual Linares Rivas-, que percorría en paralelo a ensenada de Santa Lucía; O Porto; O Peirao de ferro. Unha imaxe das históricas fortificacións que defendían a cidade. O paseo e os xardíns Méndez Núñez, o primeiro espazo público no centro da cidade, construídos sobre terras gañadas aos mar. O Campo da Leña, antes escenario de execucións capitais, e como fondo, o cuartel do príncipe Alfonso. A Praza de Atanasio Alesón -hoxe, María Pita- no día no que se colocou a primeira pedra do pazo municipal. A igrexa de San Xurxo. A Estación do Noroeste. A Rúa Canta Catalina, rúa de carabineiros e, nos baixos, con obradoiros de prateiros, reloxeiros, xastres e outros oficios. Finalmente, unha imaxe da Casa Caruncho, na súa orixe, vivenda familiar dun indiano, completa esta escolma que recupera a vella face dunha cidade galega ateigada de historia.

Alberto Martí. A Emigración
Para o segundo Calendario 2016, “Alberto Martí. Emigración”, José Caruncho seleccionou para a Editora viguesa trece fotografías da colección Emigración, que o fotógrafo Alberto Martí tomou nos peiraos da Coruña e Vigo. Alberto Martí Villadefrancos (A Coruña, 1922) é un fotógrafo que, aos seus noventa e tres anos, segue en activo, ordenando e clasificando os miles de negativos do seu arquivo. Destaca entre eles a súa serie sobre a emigración, unha colección esquecida, xa que o Alberto Martí a emigración vellas subindo ao barcofotógrafo non a publicou no seu momento. Unha reportaxe rebordante de naturalidade e frescor que nos permite recuperar as olladas, case que sempre cinguidas pola angustia e incerteza, de mulleres, homes, nenos e vellos que, nas décadas de 1950 e 1960, emprenderon as rotas da emigración. Tamén os intres nos que o familiares baixaban dos transatlánticos. Ou nenos que perderon o barco e esperan sentados nas súas maletas. Imaxes das vellas maletas doutrora que nos lembran que a xente galega tivo sempre, como fatal destino, a emigración. Amavías fotográficas que pautan, porén os días e os meses do ano 2016 cun nimbo de mágoa e tristura que un pobo emigrante como o noso expresou nesas décadas do pasado século e aínda segue amosando arestora.

Esta entrada foi publicada en Calendarios e etiquetada , , , . Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a Calendarios fotográficos Xerais, 2016

Os comentarios están pechados.