“Salseiros”: pequenas historias do noso mar

SalseirosSalseiros
Francisco Calo Lourido
Edicións Espiral Maior, A Coruña, 117 páxinas
(LIBROS DE FONDO)

En setembro de 1999, no seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, queixábase Francisco Fernández Rei da escasísima presenza do mar na cultura galega, e en particular na literatura. Unha presenza mirrada e insignificante se a comparamos co mundo da terra. Algo semellante sinalaba Carlos Casares uns meses antes: a ausencia da épica do mar é unha das grandes frustracións da literatura de noso. Un laio de análogas dimensións xa se lle escapara moitos anos antes a Antón Villar Ponte: “No ha sido el marinerismo lo que más atrajo la atención de nuestros poetas y escritores”. Porén, como evidencia o amentado discurso de F. Fernández Rei, o mar, o noso mar, no está de todo ausente da nosa poesía: desde as barcarolas de Paio Gómez Chariño ata o mar, en xeral moi literario de O Cancioneiro e o mar editado polo Fogar do Pescador de Vilaxoán. Entremedias, o mar con ribeiras e desde o peirao de Ramón Cabanillas, e un mar irreal “sen ribeiras nin costas” de Manuel Antonio. Tamén na narrativa galega existen algúns retallos de mar. Páxinas de autores como Víctor Freixanes, Xavier Queipo, Martínez Oca, Alfredo Conde e Xavier Alcalá, entre outros, así o testemuñan. Hai mar, sobre todo o mar dos caladoiros do Grand Sole, na narrativa dos 90. Mais, trátase sempre dun mar mínimo e insignificante se o cotexamos co mundo da terra. Xa que logo, como concluía F. Fernández Rei: moita costa e “pouco” mar.
Francisco Calo Lourido é un dos investigadores da nosa herdanza cultural que máis atención lle ten dedicado ao universo marítimo galego, e os seus estudos sobre a nosa cultura mariñeira figuran entre aqueles que son imprescindibles para coñecer as nosas raíces culturais. Pero Salseiros significou un xiro radical na súa escrita. Un acercamento ao eido da narrativa sobre todo na modalidade do relato. Salseiros foi, con todo, a primeira das súas achegas á ficción que viu a luz, e na mesma ollamos non un mar obxecto de investigación etnográfico-antropolóxica, senón un mar fabulado, ou o que é o mesmo: o traballo de investigación antropolóxica é substituído pola creatividade fabuladora.
En Salseiros o lector atópase con esa caste de literatura que na actualidade tanto se está a prodigar en moitos sistemas literarios: a narrativa de distancias curtas, o relato de oito ou dez páxinas que esixe do creador unha constante disciplina para conxugar intensidade e brevidade, mais non outros esforzos de maior entalladura. Unha disciplina que podemos observar nos relatos de Salseiros, aínda que en proporcións moi diversas.
As catorce prosas de Salseiros teñen un único eixo temático: o mar e as súas xentes. Un mar veciño e familiar, o do Porto do Son en concreto, ao que avistamos, non desde as atalaias imaxinadas ou afastadas, senón desde o quefacer diario dos seus habitantes, desde os seus peiraos e ribeiras, desde as súas tabernas e parladoiros. Neste espazo real e achegado, acontecen pequenas historias que forman parte do vivir cotián de xentes de carne e óso, transformadas en pequenos heroes desa diaria epopea que supón o subsistir no medio das acometidas dun medio imposible de dobregar.
Historias de mariñeiros, dos seus días e dos seus traballos, dos seus medos, das súas teimas e esforzos. Mariñeiros que halan un día e outro tamén o liñó do congro ou a raña do polbo nun contexto de silencio e morte, cando moitos se disfrazaban de azul. Historias dun mar bravo e negro como a morte, que é espectador calado de contendas criminais e de vidas que van ao fondo. Prosas nas que narran así mesmo as lerias e hipérboles que contan os mariñeiros, as troulas e serenatas do mozos do Son, fuxindo sempre do poder omnímodo da garda civil. Relatos festivos e rexoubeiros que narran infidelidades patentes mais non consumadas por mor dos anos e da vontade relaxada polo alcohol, ou pelexas entre cativos lembradas desde a nostalxia, como se algo se acabase de se rachar para sempre. Entrañables historias de vellos e netas con polbos que locen antiparras atopadas cerca do seu coveiro. Historias así mesmo de pobres mariñeiros cheos de fillos e débedas, explotados nas súas miserias para serviren de engado para o Servizo de Vixilancia Aduaneira, para que eles -“os fillos de puta”- poidan descargar noutro sitio.

 

Francisco Calo Lourido

Francisco Calo Lourido

E así ata completar catorce narracións vernizadas con certas doses de costumismo que converten en ficción os aspectos máis humildes e cotiáns da vida dos nosos mariñeiros, deses que diariamente gañan o quiñón ou a morte sen realizaren grandes singraduras. Historias nas que o lector non perde o norte, nin vai a pique en ningún momento, malia a levidade e lixeireza de moitas delas, porque o autor é quen de ofrecer o calado dunha verdadeira aventura e o fío dunha trama narrativa crible que desenvolve botando man dun rexistro léxico especializado e riquísimo, no que están presentes a fala e as expresións das xentes do mar do Son. Un verdadeiro idiolecto, xa que logo, que lle serve de vestimenta para narrar as grandes e pequenas epopeas de persoas reais que viven e morren a carón das contornas incertas do mar.

Esta entrada foi publicada en Libros de fondo, Narrativa galega, Relato breve e etiquetada , . Garda a ligazón permanente.