“Os kowa” de Xavier Queipo gana o Premio Blanco Amor de Novela Longa, 2015

Xavier QueipoNo día de hoxe o xurado do Premio Blanco Amor de Novela Longa, que chega a súa XXXIV convocatoria, reunido no Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación Provincial de Ourense, declarou gañadora por unanimidade á novela Os kowa. Aberta a plica, o autor da novela resultou ser Francisco Javier Vázquez Álvarez, coñecido polo seu pseudónimo literario Xavier Queipo, autor dunha ampla e notabilísima obra en varios xéneros, pero sobre todo na narrativa. Ë asemade tradutor ao galego de obras como A viaxe de Baldassare de Amin Maalouf, Ulises de James Joyce ou Tifón de Joseph Conrad.
Entre outros aspectos o xurado salientou que Os kowa é unha historia trepidante que se desenvolve entre Europa e a Amazonía, cun transfondo de diálogo de identidades culturais, de respecto pola diversidade e pola natureza. A novela esta escrita con brillante oficio e calidade.
Pola miña parte como membro do xurado composto por Luís Gonzalez Tosar, Bieito Iglesias, Malores Villanueva, Armando Requeixo e quen isto escribe, debo dicir que tiven o pracer de ler e valorar Os kowa como unha magnífica celebración da aventura, dunha aventura equinocial, acompañada de profundas reflexións verbo do xogo de equilibrios entrópicos, a espiral da evolución non lineal, defensa das tribos do mato, que se algo precisan é que as deixen en paz. Engulido o protagonista pola selva, as páxinas da novela son unha historia constante de soidades e descubertas, un combate de antagonistas. A novela presenta o protagonista que retorna, coma Ulises, cargado de coñecementos, segredos e cicatrices. O autor logra artellar un relato no que o substrato científico e ético non empece, senón que potencia, o alento narrativo, intenso e desacougante, dunha aventura navegando río abaixo desde as fontes do Amazonas.
Unha historia por veces abafante e angustiosa; e para narrala, o autor emprega unha tonalidade que oscila entre un perfectamente audible murmurio de fondo e unha tensión aburadora, que nos fai lembrar o Capitán Kurtz no corazón da escuridade.
Unha novela de aventuras debe subliñar na súa trama as viaxes, o misterio, os riscos. En Os kowa hai unha dobre viaxe: unha viaxe externa que vive o protagonista na que se enfronta a situacións moi comprometidas e a perigos. E tamén unha viaxe interior que o fai medrar e mellorar ata acadar as súas metas. Viaxe pois entendida como iniciación. A súa arquitectura é a clásica deste subxénero de narrativa: saída – viaxe – retorno. A acción da novela, trepidante en diferentes escenarios e espazos, case que sempre exóticos, discorre co ritmo axeitado a esta caste de literatura.

Esta entrada foi publicada en Narrativa galega, Premios Literarios e etiquetada . Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a “Os kowa” de Xavier Queipo gana o Premio Blanco Amor de Novela Longa, 2015

  1. Serena de Teis di:

    Moi interesante e peculiar, Parabéns!!!

Os comentarios están pechados.