Sumisión

Michel Houllebecq

Michel Houllebecq

A publicación a comezos deste ano de Soumission, a última novela de Michel Houellebecq, converteuse en Francia nun asunto de estado. A saída á rúa da novela coincidiu cos atentados contra Charlie Hebdo, e desde esa data, Houellebecq considerado islamófobo por obras ou declaracións anteriores, soporta a servidume de escolta oficial. Porén, é moi improbable que, debido a esta súa última novela, Houllebecq teña que soportar ningunha caza de bruxas por parte dos musulmáns, porque o protagonista de Sumisión declara, no remate da novela, ter atopado no islam a coherencia que, na súa estima, desaparecera de Occidente: a orde perdida, a submisión da muller ao home e deste a Deus. Unha conclusión precedida dunha trama, polo de agora só política ficción: o protagonista é testemuña de cómo no ano 2022 un partido islamita moderado gaña as eleccións en Francia e o seu líder, Mohammed Ben Abbes resulta elixido presidente. Instaura a sharia, Francia convértese nun estado confesionalmente musulmán, os xudeus exílianse en Israel, as mulleres vense na obriga de vestir con máis decoro e, sobre todo, prodúcense grandes transformacións no eido da educación e da imposición de valores. Ben Abbes aposta polo patriarcado, por devolver a muller ao fogar, o seu lugar natural, e todos os docentes dos centros públicos terán que converterse ao islam. O protagonista, un indiscutible tipo houllebecquiano,, é despedido da docencia, mais, nostálxico da orde perdida e para darse unha segunda oportunidade e afastarse do seu solipsismo misántropo, dá o paso e convértese ao islam.
Sumisión é unha novela que prognostica grandes mutacións, anticipándose ao futuro, unha teima de Houellebecq. Para alén doutras consideracións, encomia o pracer da submisión no que se acada a cima da felicidade humana. A absoluta submisión da muller ao home, tal como a describían as fantasías de Historia de O. Regreso da muller ao fogar con beneficiosos efectos colaterais como a caída libre do paro. A publicación de Sumisión provocou unha manchea de interpretacións e controversias. A máis crible, na miña estima, é a que considera a novela unha fantasía erótico-lúdica dun escritor afeccionado a epatar, a chamar a atención e transmitirlle ao lector todo o contrario do que din as páxinas que escribe.

( Texto publicado o día 8 de outubro no xornal El Correo Gallego de Santiago de Compostela. Para ver o orixinal facer clic aquí )

Esta entrada foi publicada en Sen categorizar. Garda a ligazón permanente.