Narrativa breve de Otero Pedrayo

Contos do camiño e da rúaContos do camiño e da rúa
Contos de Santos e Nadal
Ramón Otero Pedrayo
Editorial Galaxia, Vigo, 116 , 110 páxinas
(Libros de fondo)

Ademais das edicións en distintas coleccións, desde comezos do presente século, Editorial Galaxia vén publicando distintas bibliotecas de autor (Biblioteca Castelao, Blanco Amor, Vicente Risco, Ánxel Fole, Álvaro Cunqueiro, Carlos Casares e tamén a Biblioteca Otero Pedrayo). O obxectivo das mesmas non é outro que publicar agrupadas e cun deseño especial algunhas obras dos clásicos do seu fondo editorial. Polo de agora a “Biblioteca Otero Pedrayo” conta con oito títulos, o último Lembranzas do meu vivir, editado hai unhas datas. Os títulos que hoxe comento como libros de fondo, forman parte desde o ano 2003 da “Biblioteca Otero Pedrayo”. Ambos os dous contan cunha edición diferenciada, tanto no deseño como na iconografía das cubertas, tiradas de obras pictóricas de Isaac Díaz Pardo.
Cerca de vinte e cinco anos separan a redacción dos relatos de ambos os dous volumes. Contos do camiño e da rúa aparece en 1932 en edición da Editorial Nós. Son sete textos reproducidos na “Biblioteca Otero Pedrayo: “A serea”, “A criada”, “O fidalgo”, “O Pecado”, “O Pazo das Cinco Chagas”, “Medicina legal” e “Dona Xohana e don Guindo”. A partir desta data (1932), e nomeadamente nos anos de posguerra , Ramón Otero Pedrayo escribirá moreas de relatos. Os texto de Contos de Santos e Nadal foron redactados en 1956, no cuarto do hotel no que Otero Pedrayo se hospedaba en Santiago de Compostela, e coa intención de completar o ciclo narrativo dedicado ás distintas estacións do ano. Trátase de nove relatos que confirman os trazos máis característicos da narrativa breve de Otero Pedrayo, e inciden na temática das súas pezas anteriores.
En efecto, a poligrafía de Otero Pedrayo, a súa riquísima cultura e a súa fervenza creadora fixeron abrollar numerosas pezas breves de ficción. O relato, sen ser o xénero que máis fama lle proporcionou, ten en Otero un asiduo e notable cultivador. Trátase dunha narrativa realista na que non soamente imos atopar a épica de tema fidalgo, que diría o seu primeiro crítico, Ricardo Carballo Calero, senón tamén unha cosmovisión do mundo galego. Unha verdadeira antropoloxía galega que establece unha clara dicotomía entre a vida na aldea e a vida vilega, trazos que non soamente marcan a escrita de Otero Pedrayo, senón en xeral a de todos os escritores do Grupo Nós.
Os dous volumes, reeditados na “Biblioteca Otero Pedrayo” confirman que, entre os seus moitos merecementos, a Otero Pedrayo correpóndelle o de ser o principal creador dunha narrativa breve en lingua galega. Unha prosa abertas ás influencias que triunfaban alén das nosas fronteiras, acorde coas esixencias dos tempos, capaz de rachar cos esquemas costumistas e folclorizantes que a aferrollaban desde o século XIX. Como subliña o primeiro crítico dos contos de Otero Pedrayo, Carballo Calero, a narrativa breve oteriana ten unha importancia de primeira orde na historia do noso conto literario, xa que supón unha ampliación temática e unha modernización técnica do mesmo.
Contos de Santos e Nadal reducidooooooooooParafraseando a Varela Jácome e analizando o conxunto da narrativa galega breve anterior, cómpre recoñecer que os relatos de Otero, xunto cos de Risco, Castelao e Dieste, significan a verdadeira modernización da narrativa breve de noso. Mais é con Otero Pedrayo co que xorde unha nova arte de contar, na que xogan un papel decisivo a ampliación temática e a modernización técnica da narrativa breve galega, ata entón choída dentro das fronteiras ríxidas dunha escrita de indubidable sabor costumista.
Os dezaseis relatos, recollidos nos dous volumes, amosan que a prosa curta non lle quedou curta á creatividade explosiva de Otero Pedrayo e que soubo adaptarse habilmente á brevidade e á condensación propia do subxénero. A narrativa breve oteriana debuxa unha Galicia ateigada de orixinalidade e de riqueza de matices e aspectos. Ningún outro creador galego do seu tempo acometeu, con tal luxo de perspectivas, a tarefa de describir literariamente o ser natural do país.
Verbo da lingua e do estilo da prosa destes relatos, aínda que son elementos importantes para o escritor de Trasalva, cómpre recoñecer que na súa prosa non atopamos o labor dun ourive atento e coidadoso, nin o dun estilista clásico, senón unha grande e descoidada espontaneidade, caracterizada ademais polo emprego dunha morea de imaxes que lles achegan ás páxinas destes contos un aire barroco.

Esta entrada foi publicada en Libros de fondo, Narrativa galega, Relato breve e etiquetada , . Garda a ligazón permanente.