Radiografía do soño americano

O Gran GatsbyO Gran Gatsby
F. Scott Fitzgerald
Tradución de Laura Rodríguez Gómez
Ir Indo Edicións, Vigo, 220 páxinas
(LIBROS DE FONDO)

Francis Scott Key Fitzgerald (1896-1940) é un dos escritores máis importantes e emblemáticos da literatura norteamericana, e o mellor cronista de toda unha xeración, que chega, como el mesmo escribía, para atopar mortos todos os deuses, rematadas todas as guerras e toda a fe no ser humano, sometida ademais a unha dúbida radical. Ninguén como Scott Fitzgerald soubo definir a chamada “era do jazz”, a prosperidade derivada da Primeira Guerra Mundial, os “felices anos 20”. E tamén diagnosticar con crueza o seu fracaso, a traizón coa que, co seu materialismo e ignorancia, a nova clase, xurdida do enriquecemento doado, remataría por volatilizar todos os ideais do alegre soño americano. Soubo definir as coordenadas dese soño porque Scott Fitzgerald representa de forma modélica a aquela “xeración perdida”, slogan que no seu día empregou Gertrude Stein para encadrar a certos compatriotas seus máis novos e ousados que ela, que vivían, e sobre todo bebían e escribían baixo o alento voluptuoso dos felices anos 20.
En efecto, o autor de O Gran Gatsby representa moito máis que ningún outro escritor, o modelo de perdedor da época, un home ao que os seus escritos, especialmente os seus relatos, converten en famoso da noite á mañá, e que remata os seus días, a comezos da década dos corenta, alcoholizado, sen diñeiro, achando de menos o seu arredado amor e esquecido do público americano.
A xenialidade de Scott Fitzgerald consistiu xustamente e facer de todo isto un tema artístico, en presentar literariamente o diñeiro en toda a súa materialidade: algo voluptuoso, símbolo dun ideal que é á vez tan fraxil e efémero coma o pracer.
O Gran Gatsby é daquela literatura que fai da sátira social e do reflexo da decadencia dunha sociedade o seu tema central. Unha novela que trata de amores nunca acadados, da morte, de festas desvariantes, de ideais románticos, e contén o retrato desapiadado e implacable da sociedade americana, logo da primeira Gran Guerra, época na que xorden como clase social os novos ricos, sen que os pobres deixen de selo. Jay Gatsby, o protagonista da novela, é prototipo desta nova clase, amoral e independente, que devece por triunfar como sexa e que finalmente será destruída por aqueles aos que intenta imitar.
Porén, Nic Carraway, narrador da historia, un ser con especiais calidades para captar a falsidade e dureza do sistema clasista americano e o fracaso do seu soño, acaba por se render diante do incuestionable feitizo de Gatsby. A súa aura romántica fai que o personaxe non pertenza por enteiro ao grupo dos ricos de orixe, unha clase sen moral e sen posibilidades de redención. De feito en Gatsby a necesidade de se facer rico non ten outra orixe que a de conseguir o amor de Daisy.

 

F. Scott Fitzgerald

F. Scott Fitzgerald

No fondo Scott Fitzgerald é un herdeiro da idea romántica de que a verdade equivale a fermosura, pero tamén de que cómpre vivir a vida ao instante, xa que nada mortal é eterno. Xa que logo, sobre a novela plana un certo aire de traxedia grega. Personaxes como Jay Gatsby, con esa indomable capacidade de amar a Daisy, a rapaza que ten a voz ateigada de diñeiro, fannos lembrar aos grandes heroes tráxicos que, cando se acercan á meta, esta desaparece no horizonte.
O Gran Gatsby foi publicada en 1925, mais non acadou o éxito popular dos relatos breves do autor, nin os das súas primeiras novelas, pero os críticos máis esixentes escribiron que era unha das obras más importantes da literatura escrita en inglés. Unha categoría que queda demostrada ao comprobar os maxistrais enfoques narrativos, a complexidade da voz narradora, á vez observador e participante no destino do protagonista; os diálogos perfectos; as descricións incomparables; a luz do embarcadoiro de Daisy en Long Island, que Gatsby vela no verán e que, desde entón, mudou en metáfora das ilusións e dos soños inalcanzables.

Esta entrada foi publicada en Libros de fondo, Narrativa estranxeira traducida e etiquetada , . Garda a ligazón permanente.