“A boneca de Blanco Amor”: miscelánea de ficción, ensaio e libro de viaxes

A boneca de Blanco AmorA boneca de Blanco Amor
María Xosé Queizán
Editorial Galaxia, Vigo, 2014, 153 páxinas

Con Chile como pano de fondo, María Xosé Queizán ofrécenos un interesante produto narrativo misceláneo, no que a escritora hibrida varios xéneros: as crónicas de viaxes, o ensaio científico e a fabulación novelesca. A novela, segundo recoñece a autora, está motivada no descubrimento dunha boneca que, durante unha viaxe a Punta Arenas (Chile) atopou na que fora a mansión de Sara Braun, un personaxe real mais tamén ficcionalizado na escrita de María Xosé Queizán. Nesta boneca quixo ver a escritora a “belida dona misteriosa do Señor de Andrada”, situada por Eduardo Blanco Amor en A esmorga na galería do pazo dos Andrada, na provincia de Ourense.
A partir deste descubrimento, a autora achéganos a Chile, en primeiro lugar cun relato da viaxe de Fernán de Magalhâes a un lugar ignoto do sur de Chile, na súa cisma por atopar unha vía náutica para as Illas das Especias, en 1519. E así mesmo, coa chegada ás invernías austrais de Charles Darwin. Chile será un lugar clave para a formación das ideas transformadoras de Darwin, un personaxe conservador na vida privada e revolucionario na pública e nas súas investigacións científicas. Son os antecedentes chilenos nos que encaixa a proposta propiamente ficcional: a historia do fidalgo ourensán Aurelio de Andrada, no que a escritora ve a decadencia da fidalgía galega, o xermolar das novas ideas progresistas fronte ao Antigo Réxime. Tras rematar a carreira de medicina, Aurelio de Andrada, fidalgo vido a menos, chega a Chile no ano 1892. A ficción relacionarao con outros emigrantes ou fillos de emigrantes, especialmente con José Nogueira e coa súa dona Sara Braun, herdeiros de familias pioneiras que, uníndose entre elas, van acumular fortuna e poder, malia o clima inhóspito de Punta Arenas. Aurelio Andrada leva o progreso ás estancias de José Nogueira. O seu namoramento da viúva Sara Braun e sobre todo a reprodución desta nunha boneca de porcelana, será fundamental -así o considera a autora- na creación de A esmorga de Blanco Amor, porque o misterio da boneca de porcelana que aparece no pazo dos Andrada, segundo a novela, que provoca a tolemia emocional do Bocas, está en Punta Arenas, na historia de amor, de covardía e definitivo distanciamento entre o emigrante galego e a herdeira alemá de ascendencia xudía.
Nas secuencias finais da novela, María Xosé Queizán reescribe A esmorga convertendo a Aurelio Andrada, seducido por unha boneca inanimada (“a fermosa dona cheia de luar”, páxina 132) nun ser implacable que fai xustiza nun final dramático da noite obscena dos esmorgantes.
O libro remata cunha nova reflexión ensaística (“Consideracións sobre Eduardo Blanco Amor”) e cun retorno á escrita de viaxes. María Xosé Queizán eloxia a Blanco Amor, as súas posturas rupturistas coas ideoloxías que configuraban a literatura galega (a mística telúrica risquiana e a influencia ideolóxica piñeirista), a súa heterodoxia e o seu xorne provocador. Mais repróchalle a súa covardía no recoñecemento da súa homosexualidade. O Epílogo refire unha viaxe real da escritora a Chile no ano 2010.

María Xosé Queizán

María Xosé Queizán

Estimo que a autora aproveita de forma oportuna, acaída e xusta as páxinas do libro para reiterar algunhas das súas teimas ideolóxicas de carácter progresista, como tal os temas feministas nas referencias que fai aos movementos das beguinas ou beatas, mulleres que pretenderon establecer unha relación directa con Deus; na crítica que lle fai a Darwin que acredita na superioridade dos cerebros masculinos e cuxas preguntas nada aportaron sobre a igualdade de dereitos e oportunidades entre homes e mulleres. A defensa da visión científica do mundo, aportada, porén, por Darwin, foi un factor de progreso e canle que permitiu que a humanidade ingresase na modernidade. A crítica do eurocentrismo e dos ideais de enriquecemento e medra que supuxeron, na América Austral, a eliminación dos indíxenas patagóns. A escrita de María Xosé Queizán é asemade un verdadeiro canto, homenaxe e celebración de Chile, da forza da paisaxe, da natureza chilena, da coraxe dos pioneiros nas terras duras austrais.
Mais, ao meu ver, a maior novidade e mérito desta proposta narrativa é o aproveitamento do debilitamento das barreiras entre xéneros e o emprego deliberado da intertextualidade. María Xosé Queizán estrutura A boneca de Blanco Amor en distintas secuencias (“revelacións” son os rótulos que ela emprega), nas que hibrida, como xa quedou sinalado, relato de viaxes, exposicións e reflexións ensaísticas e fabulación. Xéneros dispares, mais que non se estorban entre si. Ás avesas, os fragmentos ensaísticos e as narracións de viaxes encadéanse perfectamente coa trama ficcional verbo da aventura vital e as relacións profesionais e sentimentais dun grupo de seres humanos, de tal xeito que os primeiros semellan socalcos necesarios, ou ao menos oportunos, para contextualizar a trama ficcional.
A novela, cando se interna no eido ficcional, está inzada de xogos intertextuais coa escrita de Blanco Amor, en especial con A esmorga. Mais coido que a autora non fai un uso abusivo da intertextualiade. As referencias ou reproducións de textos de Blanco Amor non son enfeites eruditos nin narcisistas, senón verdadeiros diálogos cos textos dun escritor que ten un peso importante nesta novela, como figura humana e como autor de obras que teñen moito que ver coa súa estadía en Chile. Este libro confirma, pois logo, na escrita galega, a oportunidade do dictum de Bolaño: erixir as historias de escritores e poetas en todo un xénero.

 

Mausoleo de Sara Braun en Punta Arenas

Mausoleo de Sara Braun en Punta Arenas

Pazo de Sara Braun en Punta Arenas

Pazo de Sara Braun en Punta Arenas

 

Retrato de Sara Braun

Retrato de Sara Braun

 

Esta entrada foi publicada en Critica literaria, Ensaio, Narrativa galega e etiquetada , . Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a “A boneca de Blanco Amor”: miscelánea de ficción, ensaio e libro de viaxes

  1. Kerícolo di:

    Ola¡¡
    Gústame moito a túa reseña, polo que vexo o formato do libro é moi orixinal e a sinopse moi interesante. Apuntareino para télo na inmensa lista de libros para ler nun futuro próximo. Un saúdo.

Os comentarios están pechados.