“A viaxe de Gagarin”, unha espléndida desolación

 

A viaxe de Gagarin

Agustín Fernández Paz

Edicións Xerais, Vigo, 2014, 278 páxinas.

    Agustín Fernández Paz agasállanos  cunha nova e excelente novela, á marxe das fronteiras marcadas pola idade dos seus lectores. Lévao facendo na meirande parte da súa produción creativa, tan ampla como delongada no tempo. Atrévome a dicir que as obras de Agustín Fernández Paz -relato breve ou novela de considerable extensión- atravesan desde sempre as fronteiras dos xéneros e das idades. O autor, un dos grandes da literatura galega de arestora, escribe para todos os públicos. Literatura pois que tamén lles gusta ás nenas e aos nenos, malia que as súas últimas obras (Non hai noite tan longa, O rastro que deixamos e A viaxe de Gagarin) aparezan editadas nunha colección que semella destinada para a lectura de adultos. Tres obras, dúas novelas e un libro de natureza híbrida, que teñen en común o feito de seren prosas memorialistas, exercicios creativos que se proxectan cara ao pasado para recuperar a memoria.

   A todo iso engádese nesta novela unha nova fía que a converte nunha modélica novela de formación, nun relato do transcurso da nenez e da adolescencia e da iniciación á aprendizaxe da vida do protagonista, un home que se presenta coa simplicidade e o recato dunha persoa que conta, e faino cando está a piques de cumprir os sesenta anos e acompaña a súa nai que agonía na cama dun hospital. Dálle pois voz o autor a Miguel Mendiguren, o protagonista narrador que o 12 de abril de 2011, aos cincuenta anos desde que Gagarin, cuxo nome compartirá por ter gañado un concurso de redacción sobre a fazaña,  realizase a súa viaxe histórica orbitando arredor da Terra, Recupera pois  a cadea de sucesos que cría esquecidos e que agora emerxen das zonas escuras da súa memoria. Será o único valioso que lle poderá deixar ao seu fillo.

   A viaxe de Iuri Gagarin -abril de 1961- e o verán de 1969 cando Neil Armstrong pisa a Lúa, compoñen o arco temporal da novela e da vida relatada do protagonista. Neses anos e desde o emblemático barrio coruñés de Falperra, onde os seus pais teñen instalada unha librería e rexentan unha pequena imprenta, o neno/adolescente iníciase nos camiños da vida en anos escuros e de intensa represión por parte da ditadura franquista. Coa mestría e acuidade ás que o autor nos ten acostumados, Agustín Fernández Paz mete o lector na pel deste protagonista que, á par que recupera os principais fitos da súa vida e unha riola de lembranzas da realidade social e política daqueles anos vividos no microcosmos coruñés: os anos de formación e  aprendizaxes nun instituto franquista, o “desarrollismo” coa chegada da neveira,  a lavadora e o televisor ao fogar familiar;  a rede de segredos que a familia gardaba e que sería perigoso desvelar; os misteriosos traballos que o pai e o amigo Euclides fan de noite no taller de impresión; os sucesos que o obrigan a ollar a realidade de xeito diferente cando os policías da Brigada Político Social rexistra a casa e o medo fai acto de presenza na familia; a engrenaxe da represión, nomeadamente desde a declaración do estado de excepción de 1969;  a fuxida do pai e a detención da nai que o fan madurecer dun xeito acelerado e forzado cun fardel de ilusións, medos e amezas cos que ten que convivir e que o obrigan a tomar conciencia da situación política do país; a explosiva entrada do amor na súa vida que tamén  o forza a madurar no terreo sentimental e que condicionará o resto da súa existencia. En fin, un intenso percorrido pola vida coa recuperación dos anos da infancia e da adolescencia que é asemade un rescate das lembranzas do remuíño do tempo dos anos sesenta. Intres alegres e tristes que sinalan os camiños de formación do protagonista.

   Ao final do relato destes anos de iniciación, o protagonista resume nun capítulo postremos o seu andar na vida adulta, cuxa lectura fará que abrolle na mente lectora algo semellante ás palabras que o astronauta Aldrin pronunciou para describir os que os seus ollos vían na Lúa: “Unha espléndida desolación”. Así foron os seus anos de aprendizaxe vital e sobre todo os do seu percorrido existencial como persoa adulta. O mesmo Miguel Mendigueren, despois de desensarillar os fíos da memoria, recoñece que ese retrato da Lúa é un perfecto compendio da súa vida.

Agustín Fernández Paz

   Son moitas as homenaxes que Agustín Fernández Paz efectúa nesta nova entrega narrativa, algunhas delas referencias inesquecibles da súa narrativa: ao cine, ao pracer da lectura, á literatura, cunha manchea de títulos que estimulan a formación vital do protagonista narrador. Mais se algo está sempre presente e cómpre non esquecer, é a preitesía que nestas páxinas se lles tributa, máis polas súas obras que polas palabras expresas da narración, aos militantes do Partido Comunista, á súa loita clandestina e arriscada, e á solidariedade que os une naqueles tempos de poucas esperanzas e moita represión.

   Desde o punto de vista formal, A viaxe de Gagarin conxuga, como acostuma ser xa unha marca denotativa  na narrativa do autor, a claridade e a naturalidade lingüística. As grandes preocupacións de sempre no terreo formal de Agustín Fernández Paz non son a frase requintada e brillante ateigada de gordura e lirismo, senón a arquitectura do relato na que sempre amosa a súa mestría: con transparencia e naturalidade lingüística, o autor reflicte o sarillo de acordanzas, os fíos da memoria do protagonista nun relato que flúe espontáneo, sen artificios sobexos, e dotado mesmo dunha grande capacidade para conmover o lector.

Esta entrada foi publicada en Critica literaria, Narrativa galega e etiquetada , . Garda a ligazón permanente.