Sobrevivir nun mundo postapocalíptico

 

O bosque é grande e profundo

Manuel Darriba

Edicións Xerais, Vigo, 2013, 141 páxinas.

 

   Semella afortunada a definición que desta novela se fai na presentación editorial: “Novela de límites, de cuestións definitivas, da man dun autor que concibe a literatura como laboratorio de experimentación artística e discurso indagatorio no bosque do real”. Préstolle especial atención ás dúas últimas liñas porque me lembran o intento de caracterización da súa propia narrativa que Manuel Darriba facía hai unha ducia de anos: “Como dicía Stendahl, a literatura é poñer o espello á beira do camiño. Os temas máis recorrentes na miña obra son a idea de soidade, incomunicación, do azar…”. Estas palabras servían para precisar moitos trazos da novela do autor Velada do billarista  (Sotelo Blanco, ano 2000) e delimitan non poucos aspectos, sobre todo técnicos, da súa máis recente achega no eido narrativo: O bosque é grande e profundo. De novo unha novela de relatos, incrustada de cheo nos mundos utópicos e apocalípticos, tan frecuentados, sobre todo a literatura apocalíptica, nos últimos tempos, tanto dentro como fóra das nosas fronteiras.

   O xénero apocalíptico, tanto o bíblico que se estendeu durante catro séculos (dous antes e dous despois de Cristo), como o da actual narrativa é un fenómeno literario propio das épocas de crise que mira nomeadamente ao futuro, xa que tanto o pasado como o presente só ofrecen desconfianza. Endalí a relación entre utopía e apocalipse. Mais, como o lector non descoñece, ao lado das utopías positivas, existen as negativas, as distopías ou antiutopías, adiantamentos da historia facendo fincapé nos aspectos negativos derivados de catástrofes ou puntos débiles do tempo presente. As sociedades distópicas son escenarios onde se desenvolve a historia máis negativa. E nestes escenarios estarían todas as tramas apocalíticas ou, dito con máis precisión, postapocalípticas.

   Na infinidade da utopía e nas tramas postapocalípticas  insírese esta novela de dous relatos, un epílogo e un posfacio de Manuel Darriba. A primeira parte ou o primeiro dos relatos achéganos a un innominado e misterioso viaxeiro que vén da Cidade fuxindo da noite e da guerra. Intérnase no bosque e o relato segue os seus andares  neste espazo, tamén sen nome que, porén, semella doutros tempos históricos. Alí viven seres humanos con oficios e relacións persoais que semellan de tempos pretéritos. No canto do fogar que busca o viaxeiro, atopa seres deshumanizados, ambientes desolados, un mundo frío, escuro, batido polo vento que chega a semellarlle  un baile de esqueletos cando aluma o luar. O viaxeiro na súa fuxida-internamento enxerga cabanas entre a bruma e a fame, xente que vive de oficios de outrora: matachíns, destiladores, ferreiros… Homes e mulleres que habitan en comunas que abrollan nas árbores, parias. E sobre todo, unha noxenta deshumanización: “O home e a muller son planetas en órbitas afastadas” (páxina 42). O seu nomadismo por este bosque frío, grande e profundo, con aldeas e xentes sen nome, enleadas en rapinas e loitas, semella un western postapocalípitico, mais de cada encontro cos seus estraños moradores tira o viaxeiro algunha nova aprendizaxe ou experiencia.

   A narración do segundo relato acércanos  á Cidade. E na mesma o lector observará outra forma de supervivencia,esta vez certamente apocalíptica. Refuxiada nun soto escanastrado, unha cativa na compañía da súa profesora de música e uns inquietantes veciños, sobrevive á saña da guerra. Buscar auga ou atopar comida convértese nun verdadeiro risco. Fóra, outra paisaxe dantesca: bombardeos de avións, rúas cheas de cráteres, casas e coches queimados, árbores arrincadas, fame e nada que comer. A supervivencia é o único obxectivo.

  

Manuel Darriba

Dúas historias brutais, próximas por veces a situacións kafkianas, ateigadas de profundas cargas simbólicas. O referente máis inmediato da novela de Manuel Darriba semella ser Cormac McCarthy en novelas como The Road. Mais os dous relatos de Manuel Darriba son moito máis concisos, lacónicos, espidos de calquera florilexio, o que lle permite manexar con precisión os elementos narrativos. Parágrafos curtos, tallantes, oracións con ritmo rápido pola supresión de nexos e adornos. Manuel Darriba, como xa se indicou, pon o espello á beira do camiño e observa reflectindo trazos, accións e diálogos dos seus personaxes cunha extrema economía de recursos lingüísticos. Semella que ao autor só lle interesa reproducir estes dous ambientes hostís e deste xeito xorde nítida a relación do ser humano co medio, por máis desolado que sexa, co desamparo e a devastación por el mesmo provocadas.

   Xa que logo, un fértil aproveitamento dunha técnica obxectiva, do recurso ao minimalismo e, por veces, de breves diálogos absurdos que converten esta breve novela de relatos nunha das obras máis orixinais e innovadoras da literatura galega dos últimos anos.

Esta entrada foi publicada en Narrativa galega e etiquetada , . Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a Sobrevivir nun mundo postapocalíptico

  1. Pingback: Sobrevivir nun mundo postapocalíptico | ::Crítica literaria::

Os comentarios están pechados.