O asasinato do Cantino: os seus autores intelectuais

 

Quen matou o Cantino

O 36 no Concello de Noia

Xerardo Agrafoxo

Edicións Xerais, Vigo, 2013, 157 páxinas.

 

   Malia que nunca tivo nada que ver coa política, Manuel Mayán Ramos, coñecido como o Cantino, foi executado o 10 de outubro de 1936, acusado de rebelión  militar. Tiña  daquela vinte e seis anos e segundo Xerardo Agrafoxo, o historiador que reconstrúe a súa dramática historia, matárono por se atopar nos primeiros días do alzamento militar contra o goberno da República no lugar equivocado.

   A personalidade de Ramón Mayán Ramos parécese moi pouco á versión que co nome de Dombodán nos ofreceu no seu día Manuel Rivas en O lapis do carpinteiro: un rapaz retrasado e de poucas luces. Segundo a documentación que manexou X. Agrafoxo, o Cantino era unha persoa humilde que traballaba como camareiro, mais espelido, que defendeu o réxime constitucional e ao día seguinte do alzamento militar foi capaz de subir a un camión para requisar peixe en Muros, cargar os camións dos mineiros de San Finx con dinamita e escopetas. Logo estivo fuxido durante uns días ata que viñeron por el.

   Xerardo Agrafoxo levaba desde o ano 1982 investigando a figura de o Cantino e as circunstancias que provocaron o seu fusilamento no cemiterio de Boisaca. Mais non atopou a resposta a pregunta de quen o denunciou e de quen o acusou diante do tribunal militar ata que tivo aceso nos arquivos militares á causa 294/36, un sumario completo no que aparecen os nomes das persoas que o acusaron  o Cantino duns actos que non cometeu  e polo que perdeu a vida nun abraiante acontecemento. Xerardo Agrafoxo, coa afouteza que merecen os inxustamente inmolados na represión e crimes contra a humanidade cometidos en Galicia durante a Guerra Civil, non agacha os nomes dos que participaron na condena a morte do Cantino: membros do consello de Guerra e testemuñas sobre todo.

   Un breve percorrido polos poucos anos de vida do Cantino -infancia nun fogar humilde, pais analfabetos, dúas irmás que levaban unha vida miserable, recadeiro e finalmente camareiro dun hotel- X. Agrafoxo leva o lector ata os días de desconcerto: a rebelión militar e Ramón Mayán Ramos unido aos traballadores da cunca mineira de San Finx, dispostos a defender  a República, ata que o rebeldes controlaron Noia e a Garda Civil detén a Ramón Mayán no seu domicilio de Noia. Botando man de testemuños orais e da documentación da causa sumarial que dá fe do consello de guerra contra o Cantino, Xerardo Agrafoxo describe concisamente o ambiente político e social de Noia antes e despois da rebelión militar e, sobre todo, reproduce a documentación do consello de guerra contra o mozo noiés, sen ocultar, como dixen, os nomes e apelidos dos represores: comandante militar de Santiago, o xuíz instrutor, o fiscal e o avogado defensor, as declaracións das testemuñas, especialmente estarrecedora a do apoderado do Banco Pastor, Luís Pier Pasarón. Mais

Xerardo Agrafoxo

tampouco foron inocentes os informes presentados por Jesús Garea, cabo da garda Civil e as declaracións de Alfonso Carreño e de  Fermín Álvarez, nomeado alcalde de Noia polos sublevados . Todos eles son os culpables, os autores intelectuais do asasinato do Cantino.

   É arrepiante así mesmo o relato que Agrafoxo fai dos derradeiros días da nai de Ramón Mayán, a vella Cantina, vagando polas rúas da vila e das vexacións das que foron vítimas as súas irmás por parte dos falanxistas, mentres o Cantino estaba no “saladero”.

   Xa que logo, un libro necesario que deita luz e faia xustiza sobre un episodio conmovedor: a insustiza que levou a un mozo inocente, humilde e pobre, ao paredón de Boisaca. Un libro que recupera, unha vez máis, a realidade do que foi o 36 en Galicia, unha época negra que non pode quedar esquecida no silencio.

Esta entrada foi publicada en Memorias e etiquetada , . Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a O asasinato do Cantino: os seus autores intelectuais

  1. Pingback: O asasinato do Cantino: os seus autores intelectuais | ::Crítica literaria::

Os comentarios están pechados.