Cartógrafos de nós mesmos

 

MICRO ENSAIOS LITERARIOS

Gilles Deleuze

    Se cadra no está tan afastado de nós un futuro sen libros. E non me refiro a desaparición do actual soporte material. Un mundo sen libros debido á “tumba da ficción” da que fala Christian Salmon. Ao reflexionar sobre estas cousas, venme á cabeza Fahrenheit 451,  a obra mestra de Ray Bradbury, aquela utopía negativa á que lle puxo imaxes François Trufaut. Prohibir ou controlar a ficción converteuse en moeda de curso legal desde hai varios anos. O que Herman Broch escribía no ano 1934, ten arestora plena vixencia, porque nos nosos días estase apoderando da humanidade un especial e radical desprezo pola palabra: “Xamais, ao menos na historia de Europa occidental, ten recoñecido o mundo coa sinceridade coa que hoxe o fai, que a palabra carece de valor, que nin sequera merece a pena intentar unha comprensión mutua. O mutismo cae sobre o mundo como unha lousa”. Un mutismo ao que nos estamos acostumando sen nos decatar. Os propios autores convértense por veces nos mellores axentes para levar a cabo a demouca e asumen o control planetario dos pobos mediante a subxugación das formas de creación simbólica heterodoxas.

   Por iso cada vez existen menos obras de fabulación importantes, obras novas que ofrezan un cambio radical da sensibilidade, perspectivas novas para penetrar a esencia das cousas. A ficción representou sempre unha ameaza para o mundo e este intenta conxurala, vixiala, domesticala en formas millentas, mesmo por medios ilexítimos e inadmisibles para calquera que non olle o mundo con mentalidade imperialista. Quen nos garante que aqueles tribunais militares americanos que no seu día propuxo o presidente Bush e que se podían desprazar a calquera país do mundo para xulgaren en secreto terroristas, non axuizarán tamén o “terrorismo” da palabra, a aqueles que propoñen enunciados novos e novidosos para interpretar o mundo, enunciados que baten frontalmente contra o pensamento único?

   Mais na faldriqueira da nosa memoria histórica e na nosa propia creatividade como seres humanos, atopamos certos remedios contra esta teima de acabar coa ficción. Un deles é o que precisamente formula Gilles Deleuze: volvernos cartógrafos de nós mesmos, trazar liñas de converxencia, pontes, relacións entre artes e culturas, desenterrar culturas asfixiadas, linguas que están a desaparecer. Ser arquiveiros, no sentido que o entendía Foucault, é dicir; exercer a erudición sen esmorecemento. Confrontar fontes contraditorias, publicar documentos soterrados, historias esquecidas.

   Deixar en definitiva que o poder da palabra se exerza tal como o expresou hai anos o autor de Catro cartas, Xabier P. Docampo: organizar a cerimonia máxica da narración, da fabulación, na que se entrega a palabra para transmitila aos demais. Non esmorecer na teima de contar historias para construír a infinda arañeira de narradores que fan circular os relatos a través do tempo. Unha boa maneira de nos enfrontar á confraría dos que predican a obscenidade da literatura, da creación simbólica e andan á procura do control planetario da cultura.

Esta entrada foi publicada en Micro ensaios literarios e etiquetada , , , . Garda a ligazón permanente.