Apocalipse do tempo

Hora zulú

Santiago Lopo

Editorial Galaxia, Vigo, 2012, 228 páxinas.

 

 

   Aínda que este exercicio de ficción de Santiago Lopo pouco teña que ver coas propostas metaliterarias, é posible que a súa lectura faga xurdir máis dun interrogante naqueles lectores acostumados a propostas narrativas convencionais, esteadas sobre todo nos discursos compactos e lineais. Porén, a arquitectura compositiva de Hora zulú dá razón do seu caracter posmoderno, un territorio pouco frecuentado no sistema literario galego e que produce por veces certas doses de pasmo, mais cuxo mérito foi recoñecido xa hai moitos anos por escritores que traballaron desde o outro lado do espello como Henry James, Borges ou Walter Benjamin entre outros: historias fragmentadas, ramificadas, as multiplicidades, o libro rizoma  que dirían Deleuze e Guattari.

   O xurado de Premio García Barrros 2012 tivo a intrepidez  de galardoar unha novela cuxa estrutura está baseada no fragmentarismo como estratexia construtiva, unha opción que hoxe ten cabida na narrativa porque responde a nosa forma de percibir o mundo, cada vez máis fragmentado, inconexo e incoherente.

   Hora zulú é en efecto unha novela feita de fragmentos, de rexistros de moi distinta natureza, máis iso non quere dicir que careza dun centro oculto que faga cadrar as pezas desta novela-puzzle. No exercicio narrativo de Santiago Lopo relátase en efecto unha historia e eses fragmentos (poemas, informes hospitalarios, anexos dos mesmos, correos entre dous psiquiatras e cinco textos rotulados co título da novela) non denotan un caixón de xastre, senón que nos remiten a unha historia que un lector activo sabe apreixar.

   Aparentemente a trama de novela non sería outra cousa que a busca da identidade dunha persoa que aparece ferida ao pé dun acantilado na costa galega. A amnesia que semella padecer, fai que o internen nun hospital psiquiátrico. A manchea de fragmentos, pero de xeito especial os correos que unha psiquiatra lle fai chegar a un antigo compañeiro e os cinco texto nomeados como “Hora zulú”, semellan remitir á figura dun misterioso Profesor -o home nu e ferido atopado na praia galega-, cuxa enigmática figura tira da atención do lector ata o desenlace final. Mentres todo isto acontece, o texto achéganos ao ambiente dun hospital psiquiátrico, por certo moi humanizado, e a temas e a inquéritos ecolóxicos que teñen que ver co desenlace.

Santiago Lopo

   Mais o tema da novela, a idea-eixo  subxacente e que asemade lle dá sentido a  esta historia, vai moito máis alá da mesma e remítenos ás etiquetas espazo-temporais nas que se move a humanidade. O tempo, como as vidas humanas, no é lineal, non existe, aínda que o etiquetemos en fusos horarios para procurar entendelo. Somos pois escravos da súa medición. Endalí esa “Hora zulú” do título, afastada de calquera meridiano. Será o desexo de liberarse dese sistema de referencia, de parar o tempo o que induza e determine o desenlace da novela e, xa que logo, a trama da mesma, a parte visible do iceberg que esconde este artefacto narrativo, arriscado sen dúbida, mais cuxa calidade e fondura a este lector non lle ofrecen dúbidas, considerando tanto a súa coherencia compositiva como a liña de pensamento que a sustenta.

Esta entrada foi publicada en Narrativa galega e etiquetada , . Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a Apocalipse do tempo

  1. Pingback: Santiago Lopo: Hora Zulú | ::Crítica literaria::

Os comentarios están pechados.