Agasallos da memoria

  O rastro que deixamos

Agustín Fernández Paz

Edición de Isabel Soto

Edicións Xerais, Vigo, 2012, 239 páxinas

 Desde hai abondos anos teño ben entendido que non é papel do crítico valorar unha obra do xénero que sexa en base a criterios paraliterarios; e aínda menos desde a empatía ou afastamento que o comentarista sinta verbo da personalidade do autor. Iso sería a deturpación do labor de análise dun libro. Non o require, de por parte, o autor desta obra, non xente de segunda fila, senón un dos grandes, non só entre nós, desa literatura que tamén lle gusta  a nenos e  a nenas. Concéntrome pois  nos miolos do texto, na trama e estrutura do libro, cuxos orixes mostra nun epílogo aclaratorio a editora da obra, Isabel Soto.

   O rastro que deixamos é un libro de natureza híbrida, estruturado en dúas grandes seccións. A primeira, sen dúbida a máis engaiolante, que pode ser encadrada dentro das narrativas facticias, máis en concreto, na literatura do eu. A prosa memorialista do escritor (“As paisaxes da memoria”) rememora as súas vivencias, sobre todo na infancia e adolescencia, relacionadas co mundo da escola e da súa vila natal. Esa infancia responsable en gran medida de boa parte dos fíos dos seus libros e da súa visión do mundo. Fíos que van desde os do xersei da primeira foto que ilustra o libro e que contén un catálogo selectivo de vivencias dos seus anos de cativo na Vilalba natal, ata a despedida da promoción de Bacharelato no  seu instituto, coincidente coa súa propia xubilación no ano 2007. Prosas memorialísticas, esteadas tamén en textos escritos para distintas ocasións, ganduxadas cos fíos da vida,que sen teren vontade novelística, lense porén co mesmo saibo dunha novela, porque Agustín Fernández Paz adorna o seu sarillo de acordanzas de natureza autobiográfica e sentimental con vontade de estilo e coa claridade e naturalidade lingüísticas que apreciamos na súa obra de ficción.Relatos pois vivenciais, evocacións fascinadas   dun estilo de vida que xa non existe.

Agustín Fernández Paz

   Na segunda parte do libro (“O oficio de escribir”), achega o autor un brazado de textos escritos para distintos foros ou ocasións e cuxa enfiada parte da lingua, a literatura, o oficio de escribir e a súa importancia. Textos asemade ateigados de lucidez e con fortes recendos de verdade. Unhas pingas de ficción  ao final de cada parte amosan a mestría narrativa do escritor mesmo nas distancias curtas.

 

(Texto publicado o día 6 de novembro de 2012 no Suplemento Faro da Cultura, páxina VI, do xornal Faro de Vigo)

Esta entrada foi publicada en Narrativa galega, Narrativa Non Ficción e etiquetada , , . Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a Agasallos da memoria

  1. Pingback: Agasallos da memoria | ::Crítica literaria::

Os comentarios están pechados.