Juan Tallón, Premio Lueiro Rey de Novela Curta, 2012

O xornalista e narrador ourensán Juan Tallón (Vilardevós, 1975) obtivo no día de hoxe o Premio Lueiro Rey de Novela Curta,  na súa XIX edición, que convoca e organiza o Concello do Grove coa colaboración da Editorial Sotelo Blanco de Santiago de Composta. A novela de Juan Tallón, Fin de poema, foi galardoada por unanimidade dos membros do xurado, presidido por Manuel Quintáns e formado por Ánxela Gracián, Armando Requeixo, Mario Regueira e quen escribe isto. Actuou como secretaria, con voz pero sen voto a encargada da Casa da Cultura do Grove, Marina Aguí.  Tamén estivo presente o Concelleiro de Novas Tecnoloxías, Documentación e Patrimonio, Alexandre Aguín.  A novela foi elixida entre un total de vinte e cinco orixinais que se presentaron ao certame, baténdose o récord de participación.  Juan Tallón, que xa quedara finalista na convocatoria deste Certame no ano 2010 coa novela A pregunta perfecta (O caso Aira-Bolaño) editada por Sotelo Blanco Edicións, é autor asemade  da obra A autopsia da novela (Duen de Bux, 2007), de relatos premiados no Certame de Narración Breve Modesto R. Figueiredo e de varias novelas aínda inéditas. Malia a súa xuventude, é unha realidade xa consolidada da narrativa galega, nomeadamente porque a súa escrita sutúrase cos movementos estéticos máis vangardistas, para alén dos discursos narrativos compactos, pechados e canónicos tradicionais.

No caso da  novela hoxe galardoada, Fin de poema súmase ás tendencias da narrativa contemporánea de converter a literatos, e en xeral a artistas e intelectuais, en personaxes de ficcion. Sobre todo nesta última década hai unha grande floración de novelas onde o protagonista é un escritor ou un personaxe con intereses intelectuais. Escritores como Philip Roth, Paul Auster, J. M. Coetzee, Saul Bellow, Elena Poniatowska, Alan Hollinghurst, Col Toibin, David Lodge, Julian Barnes, Jacques-Pierre Amete, entre outros moitos, seguen nalgunha das súas novelas esta liña: novelistas que novelan a novelistas, artistas ou intelectuais. Unha tendencia representada igualmente na narrativa galega dos últimos anos, entre outras, por obras como El señor Lugrís e a negra sombra de Luís Rey Nuñez.

A trama novelesca de Fin de poema é unha ollada moi perspicaz, sempre ficcional, sobre fragmentos da vida de catro grandes poetas do século XX: Cesare Pavese, Alejandra Pizarnik, Gabriel Ferrater e Anne Sexton, no seu camiñar cara á destrución persoal e ao suicidio. A trama recrea anacos da vida persoal literaria, editorial dos mesmos, as angueiras, medos, os seus infernos (cancro, alcohol, psicose e paranoias), as súas experiencias vitais, as súas torturas, as súas tendencias suicidas, o seu camiño pola cerna da angustia ata chegar finalmente ao suicidio. Fin de poema está á altura da riqueza interna dos personaxes amentados, todos eles poetas cultos que sementaron unha enorme influencia entre os seus contemporáneos e nas xeracións posteriores. Fragmentos de existencias, xa que logo, deambulando entre a vida e a morte, ata chegar ao límite, ao muro onde todo comeza a fender. O texto busca narrar esa “fenda” que se produce nos suicidas, o que ten algo de reto existencial, porque ninguén sabe qué pasa nos instantes finais pola cabeza das persoas que van poñer fin a súa vida. Mais, por outra parte, o libro é unha declaración de amor á poesía, tanto por parte do autor como dos personaxes que, aínda nos intres finais, tratan de afondar nas consecuencias que motivaron, nalgún dos casos, o seu silencio poético.

A novela de Juán Tallón non é unha novela lineal senón fragmemtaria, mais cómpre dicir que na mesma existe un fío condutor ou un centro oculto que sutura estes fragmentos: a experiencia vital  enteiramente humana destes personaxes que lle confire unidade ao texto e que impide que se espallen dun xeito caótico. De forma, que ao final os diversos fargmentos son como teselas dun grande friso da desesperación  e da morte como única saída posible. Estrutura sen dúbida moi estudada, dividida en cinco  secuencias por autor e disposta de tal xeito que a intensidade se reparte ao longo de todo o texto. Unha proposta narrativa que favorece a vertixe do texto que acada puntos de intensidade  de forma regular. Non hai caídas da tensión narrativa e iso débese en parte ao modo no que se estrutura o relato.

Un texto no que hai metaliteratura: por exemplo o relato do proceso de creción poética de Alejandra Pizarnick. E trae asemade a conto a presenza doutros moitos escritores do século XX. Mais a novela non está afogada en textos poéticos, aínda que os hai, pero son sempre moi oportunos. É salientable así mesmo o emprego que se fai na novela, de técnicas minimalistas, sobre todo  da elisión ao xeito de Carver. A novela soamente relata dunha forma explícita, no peche da mesma, o suicidio do poeta, lingüista, matemático e editor catalán Gabriel Ferrater. O desenlace con relación ao resto dos protagonistas (Alejandra Pizarnik, Cesare Pavese e Anne Sexton) prodúcese ao longo da novela.

As diferentes capas de lectura que posúe o libro, permite incluso facer unha ollada da mesma en clave de Galicia. Coa presenza de personaxes reais ou ficcionais, presenza importante para algúns dos protagonistas nos seus intres decisivos, advírtese un intento do autor de ganduxar a novela ao noso país.

O xurado valorou por unanimidade o gran valor literario desta aposta narrativa que sairá á luz no vindeiro mes de xaneiro, editada por Sotelo Blanco Edicións,  e que supera de xeito incuestionable o intranscendente o sentimental, o comercial e as puras lambetadas narrativas.

Esta entrada foi publicada en Crónica literaria, Narrativa galega e etiquetada , , , . Garda a ligazón permanente.

2 respostas a Juan Tallón, Premio Lueiro Rey de Novela Curta, 2012

  1. Pingback: Juan Tallón, Premio Lueiro Rey de Novela Curta 2012 | ::Axenda cultural AELG::

  2. Pingback: ‘Fin de poema’, de Juan Tallón, Premio Lueiro Rey de Novela Curta. | Letra en Obras

Os comentarios están pechados.